A Deputación supervisa a estrada provincial EP-8002 Caldas-San Clemente onde se van executar traballos de mellora de firme
A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, percorreu esta estrada provincial na que se van investir preto de 80.000 euros ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria provincial
22/07/2025
A deputada de Infraestruturas Públicas, Belén Cachafeiro, supervisou a estrada provincial EP-8002 Caldas-San Clemente onde se van investir preto de 80.000 para executar traballos de mellora de firme. Esta actuación enmárcase no acordo marco de conservación de firmes que contempla un orzamento total para o conxunto da provincia de máis de 4,4 millóns de euros.
Belén Cachafeiro sinalou que nesta estrada provincial vaise repoñer a capa de rodadura entre o punto quilométrico 0+140 e o punto quilométrico 0+320 metros, así como entre o punto quilométrico 1+960 e o punto quilométrico 2+960. Actuarase nunha superficie total de 6.560 metros onde se mellorará o firme con aglomerado en quente e onde se realizarán operacións localizadas de conservación para manter a súa capacidade portante, repoñer a sinalización horizontal e o drenaxe afectados polos traballos. “Queremos, con estas obras, corrixir degradacións, pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras para, así, mellorar e ampliar a vida útil das estradas provinciais e garantir a seguridade destas vías tan importantes para a vertebración do noso territorio”, remarcou a deputada.
Tamén engadiu Cachafeiro que esta é soamente unha das numerosas actuacións que se van desenvolver nas estradas provinciais da provincia ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes. No caso concreto da zona de Caldas de Reis, enmarcada no lote 2, ademais desta estrada provincial EP-8002 Caldas-San Clemente, vaise actuar en estradas de A Estrada, Forcarei, Silleda e Cuntis como a EP-7017 Callobre-Ponte Ledesma, EP-6511 Bandeira-Piñeiro, EP-6514 Rellas-Escuadro, EP-6501 Grava-Escuadro, EP-7201 Cachafeiro-Silleda, EP-7203 Soutelo-Covas, EP-7001 A Estrada-Forcarei e EP-8401 Portela-Souto de Vea.
