Luisa Sánchez salienta o compromiso da Deputación coa formación internacional dos alumnos da Escola de Xoiaría do Atlántico, que xa recibiron 63 bolsas Erasmus+

A convocatoria en curso conta cun orzamento de 86.000 euros e permitirá a nove persoas completar estadías de seis meses en Francia, traballando para unha multinacional referente no sector como Orest Group

25/11/2026

Luisa Sánchez salienta o compromiso da Deputación coa formación internacional dos alumnos da Escola de Xoiaría do Atlántico, que xa recibiron 63 bolsas Erasmus+

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reafirmou en Vigo o compromiso da institución provincial coa formación internacional dos alumnos da Escola Técnica de Xoiaría do Atlántico, que xa recibiron 63 bolsas Erasmus+ para completar os seus estudos con prácticas profesionais no estranxeiro.

A representante provincial na cidade participou nun encontro con responsables de Recursos Humanos de Orest Group, compañía francesa propiedade da firma Louis Vuitton que se desprazou ata Vigo para presentar a súa actividade e dar a coñecer as posibilidades laborais que ofrece aos estudantes do centro. A empresa, que conta con máis de 600 profesionais nas súas dúas manufacturas de Erstein e Saint-Dié-des-Vosges, busca seguir ampliando o seu cadro de persoal con perfís especializados en xoiería artística.

Das 63 persoas que recibiron estas bolsas desde a posta en marcha do programa, 39 realizaron as súas prácticas en Orest Group. Na convocatoria actualmente en curso, a Deputación destina 86.000 euros a esta iniciativa, con axudas que roldan os 9.500 euros por persoa para estadías de seis meses. Dous alumnos atópanse xa nos seus destinos e outros sete comezarán as prácticas antes de que remate o ano.

Luisa Sánchez explicou que a Deputación incrementou a dotación económica do programa en cada convocatoria para dar resposta ao aumento da demanda por parte dos estudantes. “Se queredes saír, coñecer como se traballa noutros países e completar a vosa formación nunha empresa estranxeira, a Deputación vai facilitar que o poidades facer”, afirmou ante o alumnado presente no encontro con Orest Group. Neste sentido, garantiu que a institución provincial seguirá ampliando o orzamento destinado a estas estadías se hai máis alumnos interesados en realizar prácticas profesionais fóra de España.

Durante a xornada, Luisa Sánchez tamén puxo en valor a formación que reciben os estudantes da escola e a dimensión creativa e artesanal da profesión que elixiron. “O voso traballo acaba converténdose en algo que outras persoas queren levar consigo, regalar ou conservar durante moitos ano. Hai algo voso na vida dos demais e iso ten que encher de orgullo”, sinalou. A vicepresidenta animou os asistentes a aproveitar a visita de Orest Group para coñecer de primeira man a empresa, preguntar polos perfís que necesita e interesarse polas posibilidades de desenvolver unha carreira profesional nas súas instalacións francesas.

O encontro serviu así para achegar o alumnado á realidade dunha compañía internacional do sector da xoiería, que emprega profesionais de distintas especialidades, como xoieiros, engastadores, pulidores, xemólogos, enxeñeiros e deseñadores 3D. Luisa Sánchez agradeceu a Orest Group o seu interese pola formación que se imparte en Vigo e agasallou ás súas representantes con produtos de Finca Areeiro como té ou aceite de camelia.

Galerias de imagenes