A Deputación leva este sábado 22 de agosto á Caniza o espectáculo Feminíssimas dentro do circuíto +Escénicas

A obra de teatro da compañía De Ste Xeito Producións representarase no auditorio da Casa da Cultura ás 21:30 horas

19/08/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 22 de agosto á Caniza o espectáculo Feminíssimas encadrado na programación da nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. En concreto, a obra teatral de De Ste Xeito Producións, dirixida a maiores de 12 anos, representarase no auditorio da Casa da Cultura ás 21:30 horas.

Feminíssimas xira arredor dun Congreso Feminista na cidade de Vigo e de tres amigas da adolescencia que hai anos que non se ven e que teñen maneiras ben distintas de entender o feminismo. Este é o eixo da creación de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira, con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a proba a amizade e analizar de que maneira as mulleres están a convivir neste mundo feminista.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.