A Deputación leva este venres aos colexios de Portas e A Lama o circuíto +Escénicas con dous espectáculos para nenas e nenos
“Letras a escena”, de Colectivo Xurelo, representarase no CEIP A Lama e “Os contos de Lobicán”, de Redrum Teatro, no CEIP Domingo Fontán de Portas, ambos ás 11:00 horas
13/05/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 15 de maio aos colexios da Lama e de Portas unha nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Así, o CEIP A Lama acollerá o espectáculo “Letras a escena”, de Colectivo Xurelo, e o CEIP Domingo Fontán de Portas “Os Contos de Lobicán”, de Redrum Teatro, ambos ás 11:00 horas.
En “Letras a escena”, un músico de ukelele, Antón Ke; un músico tradicional, Marcelo Dobode (pandeiro, zanfona, pandeireta e caixa); e un contador Enrique Mauricio presentan un espectáculo arredor do Día das Letras Galegas. Ao longo da proposta, achegarán de maneira lúdica e didáctica a historia do Día das Letras contando, ademais, a biografía adaptada dalgunhas das figuras homenaxeadas, ao tempo que interpretarán musicalmente versións das súas obras ou pezas dedicadas á súa memoria. Pola súa banda, “Os Contos de Lobicán”, é un espectáculo de monicreques musical, en verso, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmitir unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.