A Deputación leva este martes a Bueu unha voda circense no marco do circuíto +Escénicas
“O último que apague a luz”, da Vela Circo, representarase na Praza Massó ás 20:30 horas
02/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este martes 4 de agosto a Bueu un espectáculo de circo encadrado na programación da nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O público de Bueu poderá asistir na Praza Massó, a partir das 20:30 horas, á función “O último que apague a luz”, da Vela Circo.
Este espectáculo de 50 minutos e para todos os públicos toma como punto de partida o universo creado por dous pallasos que deciden casar. A aloucada cerimonia fará que o público reflexione sobre o por que de certas tradicións, como lanzar o ramo ou esnaquizar a torta. Esta gran voda mesturará o clown, equilibrios sobre torta, manipulación de obxectos entre veos ou lanzamento olímpico do ramo. Todos estes elementos conxúganse na procura dun circo do absurdo, o ritmo e a poética do caos do noso tempo.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.