A peza teatral, de Sempre Arriba, representarase gratuitamente con motivo da Festa do Viño Tinto de Barrantes o domingo 7 de xuño ás 18:30 horas
A peza teatral, de Sempre Arriba, representarase gratuitamente con motivo da Festa do Viño Tinto de Barrantes o domingo 7 de xuño ás 18:30 horas
04/06/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 7 de xuño a Ribadumia unha nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo de clown e circo “Hoxe si!”, a cargo de Sempre Arriba, que se representará de xeito gratuíto durante a Festa do Viño Tinto de Barrantes ás 18:30 horas.
“Hoxe si!” é un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea e moito humor. Inclúe toques de nostalxia cómica e interactúa de maneira directa co público para facelo partícipe da festa do Hoxe si!, unha xornada para celebrar a vida e onde facer realidade os soños pendentes de cumprir. Nesta proposta desenfadada, ambientada nos 80, invítase a xogar, a desfrutar e a vivir celebrando o momento presente.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.