A Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas ao Rosal cun espectáculo infantil de monicreques
A adaptación do clásico “Onde viven os monstros” representarase da man de Carmen Domech na Biblioteca municipal a partir das 18:00 horas
09/09/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 12 de setembro o circuíto +Escénicas ao concello do Rosal da man dun espectáculo infantil de monicreques baseado en "Onde viven os monstros" a cargo de Carmen Domech. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
"Onde viven os monstros" representarase na Biblioteca municipal ás 18:00 horas e está pensada para público infantil de entre 3 e 11 anos. Trátase dunha adaptación para monicreques do clásico de Maurice Sendak acompañada de pequenos contos monstruosos. Max crea na súa habitación un mundo imaxinario onde é libre mesmo para ser monstro, o máis monstro de todos. Na súa aventura, desafía os seus propios medos, a frustración, a rabia, a incomprensión ou o temor ao rexeitamento. Finalmente, atopar en falta o amor da súa nai faino regresar á casa e comprender que sempre hai que respectar os demais.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
