A Deputación leva este domingo a Mos dous espectáculos teatrais enmarcados na nova edición do circuíto provincial +Escénicas
Trátanse dos espectáculos “Pakolas e as tripulantes”, de Pakolas e Banda, e de “Consertasso na horta”, de Brais das Hortas, que se representarán de xeito gratuíto ás 12:00 e 14:00 horas, respectivamente, no Pazo de Mos
04/06/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 7 de xuño a Mos a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátanse dos espectáculos “Pakolas e as tripulantes”, de Pakolas e Banda, e de “Consertasso na horta”, de Brais das Hortas, que se representarán de xeito gratuíto ás 12:00 e 14:00 horas, respectivamente, no Pazo de Mos.
“Pakolas e as tripulantes” presenta as historias de Ramona Órbita, contándoas e cantándoas. Trátase dunha aventura didáctica chea de imaxinación, aprendizaxe e humor e na que a interacción e a participación coas nenas e nenos, a animación, as caracterizacións e a música son o principal atractivo. Está dirixida ao público familiar e céntrase no poder da imaxinación, que non ten límites, e nos soños que se tornan en realidade.
Pola súa banda, “Consertasso na horta” trátase dun espectáculo de música e humor para toda a familia, con letras e arranxos coidados para sementar e apañar risas e ganas de cantar. Na peza, a Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap, hai unha pulga punk da praia de Liméns, as cabras tiran para o monte, os caracois reivindican o seu ritmo e os kiwis bailan ska.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.