A Deputación leva este venres a Salvaterra de Miño o rock en galego do Mago Teto dentro do circuíto +Escénicas
O espectáculo familiar Galerock ’n’ Magic representarase na praza da Constitución ás 21:00 horas
18/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 21 de agosto a Salvaterra de Miño o rock en galego do Mago Teto dentro da programación da nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O espectáculo Galerock ‘n’ Magic, pensado para un público familiar, representarase na praza da Constitución ás 21:00 horas.
Galerock 'n' Magic é un tributo máximo ao rock en galego dirixido por Fran Rei. O Mago Teto une o seu talento ao de Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra para construír un espectáculo onde a maxia convive cos clásicos do xénero en galego, facendo un percorrido desde o Xabarín Club (que marcou unha xeración) ata os grupos actuais que están poñendo a música galega de novo no máis alto. Moita música en directo, pero tamén moito humor e moita maxia nun espectáculo nostálxico para uns, divulgador para outros e fascinante para todos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.