A Deputación achega este domingo a Sanxenxo o humor da obra “Señores” no marco do circuíto +Escénicas

A peza teatral, pensada para maiores de 12 anos, da compañía Ste Xeito Producións representarase no Auditorio Emilia Pardo Bazán ás 21:00 horas

24/09/2026

A Deputación achega este domingo a Sanxenxo o humor da obra “Señores” no marco do circuíto +Escénicas

A Deputación de Pontevedra achega este domingo 27 de setembro a Sanxenxo o espectáculo Señores (unha comedia machirula de Ste Xeito), da compañía Ste Xeito Producións. A función forma parte da programación do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O público poderá desfrutar do espectáculo no Auditorio Emilia Pardo Bazán a partir das 21:00 horas e as entradas poden adquirirse en https://entradas.ataquilla.com/.

Señores é unha obra de teatro para maiores de 12 anos que conta a historia de Cecilia, Celia e Lía, que son irmás e non poden ser máis distintas, malia ser xemelgas. Un día reciben a chamada de Carmen, a súa nai para acudir á casa familiar de Cabo Home durante a noite de San Xoán. Señores é a historia dun reencontro entre catro mulleres e fala das cousas que viviron, as que esperan vivir, os medos, rancores e alegrías. Fala tamén de homes, señores que din, que opinan, que cuestionan, que critican, que se alían ou que acosan. Señores é unha comedia que fala de irmás, de nais e fillas e de noites máxicas. Unha comedia feminista onde hai mulleres que fan de homes que din o que deben facer as mulleres.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.