A Deputación leva este xoves a Pontecesures “Vitaminas B e C: Begoña Caamaño”, un espectáculo enmarcado na nova edición do circuíto provincial +Escénicas
“Vitaminas B e C: Begoña Caamaño”, de Martín Camiña Ilusionista, representarase este xoves 21 de maio ás 12:30 horas no ximnasio do CPI de Pontecesures
19/05/2026
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 21 de maio a Pontecesures unha nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo de maxia “Vitaminas B e C: Begoña Caamaño”, a cargo de Martín Camiña Ilusionista, que se representará no ximnasio do CPI de Pontecesures ás 12:30 horas.
“Vitaminas B e C: Begoña Caamaño” é un espectáculo familiar máxico e literario, cargado de ilusións que conforman un círculo, cuxo perímetro e Circe, Morgana e os medios de comunicación. Desta maneira, o ilusionista Martín Camiña, Premio Nacional de Maxia de Donostia e Premio da Asociación Portuguesa de Ilusionismo, percorre o vieiro vital de Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2026.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.