A Deputación esgota as prazas para participar no trail e na andaina de Entre Pontes Trail & Running que acollerá o 1 de novembro Cerdedo Cotobade

En total, 650 persoas están inscritas no 14k trail e na andaina de 7 quilómetros. Aínda quedan prazas para participar na carreira infantil

17/10/2026

A Deputación de Pontevedra esgota as prazas para participar no trail e na andaina de Entre Pontes Trail & Running, que acollerá o 1 de novembro Cerdedo Cotobade. Son en total 650 as persoas que están xa inscritas, 500 no 14k trail e outras 150 na andaina de 7 quilómetros. Aínda quedan prazas para participar na carreira infantil.

A vicepresidenta da Deputación e tamén responsable do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, asegurou que o elevado interese da cidadanía por estas actividades deportivas en Cerdedo Cotobade “revalida, unha vez máis, que somos a provincia do deporte”. Ademais, Sánchez recordou que, nestes momentos, están cubertas o 55% das prazas da carreira infantil e que quedan 68 prazas para participar, lembrando que o prazo de inscrición permanece aberto ata o 28 de outubro.

Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de actividades paralelas como andainas e carreiras infantís. Os obxectivos deste programa, que pretende achegar o deporte ao territorio, pasan pola descentralización das actividades deportivas, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza.

Todas as probas son de balde e, tralo éxito rexistrado nas citas xa celebradas na Illa de Arousa e Vigo, e tamén a elevada cifra de participantes para as actividades que terán lugar o 25 de outubro en Gondomar e o 1 de novembro en Cerdedo Cotobade, o circuíto continuará o 22 de novembro cunha 10k en Pontevedra e rematará o 29 de novembro en Moaña tamén cun trail.