A Provincia do Deporte
Entre Pontes Trail & Running
Circuíto de eventos deportivos e turismo activo
Entre Pontes Trail & Running é o novo circuíto de eventos deportivos e turismo activo promovido polo Servizo de Deportes da Deputación de Pontevedra, en colaboración cos concellos sede, co obxectivo de lle achegar o deporte á cidadanía e descubrir a provincia a través do running e do trail.
Ao longo de seis xornadas, o circuíto percorrerá diferentes municipios da provincia, combinando carreiras de 10 quilómetros en asfalto, probas de trail running de 14 quilómetros, andainas populares e carreiras infantís, ofrecendo unha experiencia deportiva aberta a persoas de todas as idades e niveis.
O nome de Entre Pontes representa a esencia do proxecto: ser unha ponte entre o deporte e o territorio; entre a competición e a participación; entre quen busca superar os seus propios límites e quen simplemente quere compartir unha xornada ao aire libre. Unha iniciativa que conecta persoas, municipios e paisaxes arredor dunha mesma forma de vivir o deporte.
Cada sede contará cunha identidade propia e converterase nun escaparate da riqueza natural, patrimonial e cultural da provincia de Pontevedra. Deste xeito, cada proba será tamén unha oportunidade para descubrir novos lugares, dinamizar o territorio e poñer en valor o seu potencial como destino para a práctica deportiva.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso cun modelo de deporte accesible, sostible e descentralizado, que fomenta os hábitos de vida saudables, impulsa a participación cidadá e contribúe a consolidar a provincia como un referente na organización de eventos deportivos ao aire libre.
Entre Pontes une deporte, territorio e persoas.
Localizacións e datas
- Xornada 1: 10K, A Illa de Arousa-Vilanova de Arousa (domingo, 20 de setembro de 2026)
Apertura de inscricións: 5 de agosto
- Xornada 2: trail, Vigo (luns, 12 de outubro de 2026)
Apertura de inscricións: Próximamente
- Xornada 3: 10K, Gondomar (domingo, 25 de outubro de 2026)
Apertura de inscricións: Próximamente
- Xornada 4: trail, Cerdedo Cotobade (domingo, 1 de novembro de 2026)
Apertura de inscricións: Próximamente
- Xornada 5: 10K, Pontevedra (domingo, 22 de novembro de 2026)
Apertura de inscricións: Próximamente
- Xornada 6: trail, Moaña (domingo, 29 de novembro de 2026)
Apertura de inscricións: Próximamente