A Deputación colabora coa estatua que recoñecerá a Carlos Oroza no novo espazo cultural habilitado nos xardíns da Laxe a partir de finais deste ano

A vicepresidenta Luisa Sánchez asistiu á presentación da figura, froito da colaboración entre a Deputación, a Xunta de Galicia e a Asociación Évame Oroza, que asumirán cada unha un terzo do seu custo, e será elaborada por Sergio Portela

06/08/2026

A Deputación colabora coa estatua que recoñecerá a Carlos Oroza no novo espazo cultural habilitado nos xardíns da Laxe a partir de finais deste ano

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves no porto de Vigo na presentación da estatua que renderá homenaxe a Carlos Oroza desde un novo espazo cultural e de encontro que se habilitará nos xardíns da Laxe. A vicepresidenta asegurou que “xa hai tempo que a Asociación Évame Oroza compartiu comigo a súa inquietude por manter permanentemente nas rúas de Vigo un recoñecemento ao artista, e sei que o intentaron repetidamente nas inmediacións da travesía que leva o seu nome no seu encontro coa rúa Príncipe”. Ante esta imposibilidade, “Deputación, Xunta de Galicia e a asociación conseguimos salvar ese obstáculo para que Vigo teña a homenaxe que Oroza merece; quizais pola insubmisión que o caracterizaba, ou quizais porque, evocados polo noso poeta camiñante, atopamos na rúa a inspiración”.

Será unha figura de bronce creada polo escultor Sergio Portela, coa fundición a cargo do obradoiro de Cuqui Piñeiro. Ademais da homenaxe ao poeta, a intención é converter este enclave nun punto de encontro permanente para a cultura, aberto á celebración de recitais poéticos, presentacións de libros e outras actividades culturais. A escultura estará situada sobre unha peana de granito galego, cunha altura de preto de 2 metros, e é froito de máis de dous anos de traballo conxunto. Estará financiada nun terzo pola Deputación, nun terzo pola Xunta e outro terzo pola asociación, a través dun mecenado aberto á cidadanía.

Luisa Sánchez asegurou que “a maior homenaxe que podemos facer a Carlos Oroza é adecuar un espazo coma este”, que “permita recitar, entoar e darlle toda a carga perfomativa que Oroza nos ensinou” e “no que poidamos interpretalo publicamente”. A vicepresidenta agradeceu o porto de Vigo por facilitar este espazo “tan axeitado”, e asegurou que Deputación e Xunta “colaboramos activamente na produción desta estatua” que, “se todo vai sobre o previsto”, poderá estar instalada antes de que remate o ano (as estimacións son do mes de novembro) “para admirar o traballo de Sergio Portela”.

A vicepresidenta da Deputación asegurou que “grazas a esta colaboración e á participación aberta a todos os vigueses, este espazo poderá ser en pouco tempo un escenario cultural permanente ao que acudir acollidos pola figura de Oroza”. Con el, “Vigo terá por fin a homenaxe a Carlos Oroza que nunca se lle debeu ter negado”.

Galerias de imagenes