A sede de Vigo da Deputación acolle a estrea de ‘A biblioteca galáctica contra a IA fantástica’ no marco do 75 aniversario da Editorial Galaxia
Alumnado do CEIP Ramón y Cajal de Vigo asistiu ao espectáculo de monicreques ideado por Carlos Labraña e a compañía Tanxarina, que se representará por toda Galicia
11/03/2025
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este martes a estrea de ‘A biblioteca galáctica contra a IA fantástica’, un espectáculo de monicreques de Carlos Labraña e a compañía Tanxarina que se espallará por toda Galicia como parte das actividades coas que a institución provincial colabora para conmemorar o 75 aniversario da Editorial Galaxia. “Tanto esta Deputación como Galaxia son partes fundamentais de Vigo, da súa paisaxe e a súa historia, por iso nos tiñamos que unir nestes actos de celebración e facelo aquí, na nosa cidade”, sinalou a vicepresidenta nun acto ao que asistiron representantes da Editorial, das fundacións Neira Vilas e Carlos Casares, e alumnado do CEIP Ramón y Cajal de Vigo que gozou do espectáculo.
Luisa Sánchez trasladou os seus parabéns á Editorial Galaxia polo seu aniversario, “75 anos impulsando a literatura de calidade, impulsando e promovendo a cultura e as letras galegas”, e lembrou o historial de colaboración que une a Deputación coa editorial “non só nestes actos de conmemoración, senón a través de moitas iniciativas impulsadas conxuntamente”. A vicepresidenta provincial lembrou que “un país non é nada sen a súa cultura” e chamou a “coidala, protexela e consumila” para poder seguir celebrando moitos máis aniversarios de Galaxia.
‘A biblioteca galáctica contra a IA fantástica’ é unha comedia de aventura que fala sobre a amizade, a solidariedade e a defensa dos libros que chegará a unha trintena de centros escolares de toda Galicia, entre marzo e decembro, trala súa estrea na sede da Deputación en Vigo. Neste espectáculo, protagonizado por algunhas das personaxes máis senlleiras da literatura infantil galega, un rato que coida da súa biblioteca galáctica descobre que unha ameaza se torna sobre as personaxes dos seus libros infantís. Nunha loita contra o reloxo, o rato, Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar da súa influencia os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado.
A este respecto, a vicepresidenta Luisa Sánchez sinalou que “a Intelixencia Artificial xenerativa supón un risco para a creación artística en todas as súas variantes, creando imaxes, sons ou textos baseados en algoritmos que toman prestado material xa existente”. Contra iso, Sánchez avogou por “defender a literatura e a arte fronte ás máquinas e as ferramentas xenerativas”.
