A Deputación inaugura o próximo venres no Palacete das Mendoza a exposición Eu-mar de Xan Vieito, que se poderá visitar ata o 27 de setembro

A mostra representa a comuñón do artista co mar a través do tempo e do coñecemento mutuo

06/09/2026

A Deputación inaugura o próximo venres 11 de setembro a exposición EU-MAR de Xan Vieito, que se poderá visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza ata o 27 de setembro. A mostra, con máis dunha vintena de pezas, representa a comuñón do artista co mar a través do tempo e do coñecemento mutuo en tres actos que presentan o camiño percorrido.

No acto primeiro o mar conversa co artista, decora o escenario con debuxos e baixorrelevos traballados sobre a area mollada. No segundo é o artista o que dialoga co mar, dándolle vida nova a unha cuncha, con pintura, fotografía, vídeo ou mesmo poesía e literatura emerxendo desta relación co mar. E no terceiro, a cuncha transformada polo artista, regresa ao mar.

Xan Vieito nace en Vilachán de Abaixo (Negreira, A Coruña) e reside en Lourido. Autodidacta e con estudos de pintura e gravado, está representado en institucións públicas de España, Portugal, Cuba, Arxentina, Perú e Estados Unidos, así como en coleccións privadas de España, Portugal, Brasil, Arxentina, Francia, Inglaterra e Estados Unidos.

EU-MAR pódese visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza ata o 15 de setembro en horario de 9:00 a 21:00 de luns a venres e os sábados e domingos de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas. A partir do 15 de setembro, de luns a venres entre as 8:00 e as 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.