A Deputación acolle no Museo de Pontevedra unha mostra que percorre os derradeiros vinte anos de creación artística de José Freixanes

A mostra dedicada ao pintor pontevedrés falecido en novembro de 2025 inaugúrase este xoves ás 19:00 h no Edificio Castelao e poderá visitarse ata o 27 de setembro

22/07/2026

A Deputación acolle no Museo de Pontevedra unha mostra que percorre os derradeiros vinte anos de creación artística de José Freixanes

Cando o 26 de novembro de 2025 faleceu en Madrid o pintor pontevedrés José Freixanes (Pontevedra, 1953-Madrid, 2025), o Museo de Pontevedra estaba xa a traballar con el nunha exposición que percorría os vinte últimos anos da súa creación artística. Esa mostra inaugúrase mañá xoves ás 19:00 h no Edificio Castelao, co título ‘José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2006-2025’. Trátase dun achegamento á súa obra máis recente, na que a pintura conecta coa escritura e a costura cunha actitude curiosa aberta a outras culturas e sociedades.

A exposición, comisariada por Xosé Luis García Canido, poderá visitarse ata o 27 de setembro. Inclúe 35 obras pictóricas de gran formato, en varios casos dípticos ou composicións de múltiples lenzos. Complétase ademais cunha serie de vinilos sobre a fachada principal do Edificio Castelao, e cunha instalación con po de arroz situada na zona acristalada da planta baixa do mesmo edificio. As obras están datadas maioritariamente entre 2006 e 2025, con algunhas excepcións dos anos inmediatamente anteriores moi vinculadas tematicamente. Proceden de coleccións particulares, ademais de obras cedidas por Afundación, CGAC, Fundación Internacional Baltasar Garzón e Galería Trinta.

A directora do Museo, Ángeles Tilve, destacou que José Freixanes estivo moi implicado na exposición desde o principio: “o seu repentino falecemento en novembro pasado fai imposible telo hoxe connosco aquí e poder escoitalo con aquela paixón coa que sempre falaba da súa pintura”. Sobre a obra exposta, Tilve fixo fincapé no “seu interese pola viaxe, por integrar diferentes culturas, pola xestualidade das diferentes grafías, polos fíos e a súa vinculación coa memoria colectiva”.

Pola súa banda, o comisario da exposición, Xosé Luis García Canido, mostrouse emocionado por inaugurar esta exposición poucos meses despois do pasamento de Freixanes. “El participou en todas as fases anteriores deste proxecto: desde a idea orixinal, ao seu desenvolvemento e ata a selección de obras. Xa non puido estar na montaxe, pero no resto si. Aínda que tecnicamente é unha exposición póstuma, non me parece un concepto adecuado porque el participou en todo, aínda que agora estea ausente”.

García Canido salientou que a exposición recolle ata a súa última obra, o políptico “Para saír voando”, que rematou semanas antes de falecer. “En 2006 e 2007 fixo dúas grandes intervencións efémeras” sinalou o comisario, “que foron importantísimas e as tivo presentes nas dúas décadas seguintes, foron unha especie de ponte á que recorreu constantemente, tanto desde o punto de vista plástico como conceptual”.

Esas intervencións ás que se refire o comisario son ‘Al final del amanecer’ (Casablanca, 2006) e ‘Voces de basalto negro’ (Damasco, 2007). Ambas están recollidas en pezas documentais en vídeo que se poden ver antes de entrar na sala. A exposición inclúe obras de series como Eclipse lunar, Feito e des-feito, Comportamentos ou Fíos, testemuños dunha vida que se desenvolve a xeito de viaxe no tempo e no espazo. Os cadros da exposición non están concibidos como obxectos illados, senón como parte dunha polifonía a través da que se nos invita a revisar algúns dos paradigmas que sustentan a sociedade contemporánea. Con actitude curiosa ante o alleo e insubmisa fronte aos prexuízos, as creacións de Freixanes caracterízanse por un desexo de entender ao “outro” e por unha procura constante do afastado, que tamén implica esa experiencia singular do retorno a un mesmo.

A mostra evidencia tamén a súa paixón pola artesanía e a conexión entre pintar, escribir e coser en canto xestos íntimos que posibilitan novos universos a partir da nosa capacidade innata para soñar. A través do fío e unha excepcional habilidade para transformar a memoria das tradicións populares como ferramentas poderosas de creación, o artista galego xerou unha nova forma de escritura, singular e misteriosa, coa que profunda nun xogo metafórico sobre o comportamento humano e en conceptos vencellados coa diversidade, a diferenza e a globalización.

Visitas guiadas e xornadas arredor de Freixanes

O Museo organiza visitas guiadas á exposición a cargo do equipo de Educación do Museo, todos os domingos ás 12:00 h a partir do 2 de agosto. Tamén haberá visitas guiadas realizadas polo comisario, Xosé Luis García Canido, con datas aínda pendentes de concretar. Todas as visitas son de balde e requiren inscrición previa a través da web do museo: museo.depo.gal.

Ademais, en setembro desenvolveranse dúas xornadas arredor da figura de José Freixanes. A primeira será o xoves 3 de setembro, cunha intervención inicial do escritor Víctor F. Freixanes, irmán do artista. Seguiraa unha mesa redonda na que, ademais de Víctor Freixanes, participarán Asunta Rodríguez, directora da galería Trinta e a crítica de arte Mercedes Rozas, coa moderación de Xosé Luis García Canido. Pechará as actividades paralelas á exposición un recital poético o venres 25 de setembro, a cargo de Alberto Avendaño, que publicara en 2023 xunto a Xosé Freixanes o libro ‘Bueno carallo bueno’, no que dialogaban a poesía dun e a pintura do outro.

Galerias de imagenes