A sede da Deputación en Vigo acolle dúas exposicións dedicadas ao universo poético e persoal de Carlos Oroza

‘Oroza camiñante’ percorre a vida e a traxectoria literaria do autor a través de fotografías e textos sobre a súa biografía e as súas conexións culturais

02/11/2026

A sede da Deputación en Vigo acolle dúas exposicións dedicadas ao universo poético e persoal de Carlos Oroza

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle desde este 2 de novembro dúas exposicións dedicadas á figura e á obra de Carlos Oroza, un dos poetas máis singulares da literatura española contemporánea e estreitamente vencellado á cidade durante os seus últimos anos. A institución provincial e a asociación Évame Oroza, que traballa para manter viva a súa memoria e o seu legado, promoven esta proposta cultural, que poderá visitarse ata o 4 de decembro.

A exposición "Oroza camiñante (1923-2026)", instalada na sala Rosalía de Castro, ofrece un percorrido pola vida e a traxectoria literaria do poeta a través de paneis que combinan fotografías do seu amplo arquivo persoal con textos que contextualizan as distintas etapas da súa biografía. O material inclúe imaxes cedidas pola Fundación Novoneyra e por artistas que conviviron con Oroza, e permite achegarse aos lugares que marcaron o seu percorrido e ás relacións que mantivo con creadoras e creadores da súa xeración.

A mostra propón así unha aproximación á personalidade e á obra do autor, atendendo tanto á súa experiencia vital como ás conexións culturais e artísticas que conformaron a súa traxectoria.

A programación expositiva complétase na sala Maruja Mallo con ‘Pinturas para Carlos Oroza’, unha mostra de Xaquín Chaves que reúne varios cadros de gran formato realizados polo artista a partir da súa inspiración na figura e na obra do poeta. As dúas mostras establecen así un diálogo entre a memoria, a palabra e a creación plástica. Poderán visitarse na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, de luns a venres, en horario de 9.00 a 20.30 horas, ata o 4 de decembro.

A apertura das exposicións contou cunha lectura de versos de Carlos Oroza por parte da poeta Francesca da Silva e coa actuación musical da cantante e arpista Clara Pino. Durante o acto, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, salientou a relación entre a maneira de camiñar do poeta e a súa capacidade para observar o mundo que o rodeaba. “Oroza camiñante é tamén Oroza observador”, sinalou, en referencia á imaxe icónica do escritor coas mans ás costas, unha figura que, ao seu xuízo, transmite esa mirada atenta da que nacen as ideas, a escritura e os poemas.

Luisa Sánchez subliñou tamén a estreita relación do autor con Vigo, unha cidade que percorreu e que lle serviu de inspiración: “Cando camiñaba esta cidade que nos cautiva, que amamos por nacemento ou por elección, el ía escribindo na súa cabeza”.

A representante provincial en Vigo agradeceu a Xaquín Chaves que dedicase estas obras a Carlos Oroza e remarcou o valor de que un creador interprete a figura doutro desde a súa propia linguaxe artística.

Un concerto que une poesía e improvisación musical

O programa de actividades terá continuidade o 11 de novembro, ás 20.30 horas, na sala Rosalía de Castro, co concerto poético ‘Trigo nas fronteiras’, unha proposta que combina música experimental, improvisación e poesía.

O espectáculo baséase na improvisación dirixida por sinais, unha práctica con tradición en Galicia e presente en experiencias como a orquestra O.M.E.Ga, Metamovida ou a Orquestra Galega de Liberación. Participan os músicos Mig Seoane, Xabier Bértolo, Macarena Montesino e LAR Legido, que achegan a súa formación musical e a súa experiencia nos ámbitos da experimentación sonora e da improvisación.

A poeta Branca Trigo incorporará os seus propios textos a unha selección de poemas de Carlos Oroza, construíndo un diálogo entre voces e linguaxes artísticas. O título do espectáculo remite a un poema de Oroza e a proposta nace dunha idea orixinal da asociación Évame Oroza, producida para o III Festival de Poesía e Oralidade Máis Alto que o Ceo, onde se estreou en xullo de 2026.

Luisa Sánchez felicitou a Évame Oroza por esta proposta cultural e polo labor que desenvolve na cidade. A vicepresidenta salientou a súa vontade de converter este espazo nun referente cultural desde o que impulsar iniciativas que se estendan por Vigo, e lembrou que a asociación está tamén detrás do proxecto da futura estatua de Carlos Oroza no Paseo das Avenidas, no que colabora a Deputación de Pontevedra.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.