A Deputación inaugura en Sanxenxo “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” que permanecerá aberta ata o 15 de outubro no Centro de Interpretación da Telleira

A directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, foi a encargada de inaugurar esta mostra que está organizada en colaboración coa Fundación Terra Termarum Castrolandín, de Cuntis, para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano

15/09/2026

A Deputación inaugura en Sanxenxo “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” que permanecerá aberta ata o 15 de outubro no Centro de Interpretación da Telleira

A Deputación de Pontevedra acaba de inaugurar en Sanxenxo “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” que permanecerá ata o 15 de outubro no Centro de Interpretación da Telleira. A mostra, que foi inaugurada pola directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, e está organizada en colaboración coa Fundación Terra Termarum Castrolandín de Cuntis, dá continuidade ao proxecto Trazas de Pontevedra, que naceu co obxectivo de poñer en valor o patrimonio arqueolóxico galaico-romano da provincia a través dunha rede de dezasete xacementos de alto valor histórico e científico.

“Desde a Deputación de Pontevedra temos claro que impulsar e protexer o noso patrimonio arqueolóxico é fundamental para poñer en valor a nosa historia pero tamén para captar turistas que buscan experiencias ligadas á cultura” remarcou a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, para quen “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” é “unha oportunidade magnífica para seguir afondando na nosa estratexia de diversificación da oferta turística, ofrecendo un produto sostible, de calidade e do que se pode desfrutar os 365 días do ano”.

A exposición, que se pode visitar no Centro de Interpretación da Telleira de luns a venres en horario de 10:00 a 17:00 horas, presenta ata 75 pezas procedentes de castros da provincia e completarase con actividades paralelas que comezarán o 24 de setembro cunha conferencia e visita guiada. Ademais terán lugar dous obradoiros de cerámica castrexa para adultos os días 26 de setembro e 3 de outubro, e tres obradoiros infantís nos que os nenos e as nenas poderán experimentar directamente co barro.

Despois do seu paso por Sanxenxo, “A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación” chegará ao Museo Torres do Concello de Marín, onde se poderá visitar entre o 28 de outubro e o 28 de novembro. De cara ao ano 2027, está previsto que esta mostra impulsada pola Deputación de Pontevedra chegue aos concellos de Vilagarcía de Arousa, A Guarda e Tui.

Galerias de imagenes