Luisa Sánchez presenta o Pacto por Peinador na feira Routes World para atraer novas conexións aéreas a Vigo
A vicepresidenta mantivo en Frankfurt unha primeira xornada de reunións con compañías, ás que trasladou o potencial da provincia e a proposta provincial de achegar 200.000 euros por cada nova ruta que se poña en marcha en 2027
22/10/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, amosou a súa satisfacción tras manter unha primeira xornada de reunións en Routes World, a feira internacional de referencia para o sector das conexións aéreas que se celebra en Frankfurt entre o 21 e o 23 de outubro. A representante provincial estableceu contactos con distintas compañías para presentarlles as medidas previstas no Pacto por Peinador e así atraer novas liñas directas desde o aeroporto de Vigo.
A proposta da Deputación contempla unha achega de 200.000 euros por cada nova conexión aérea que se active durante 2027, sen límite no número de rutas que poidan beneficiarse desta medida. De feito, os orzamentos provinciais do próximo ano recollen inicialmente unha partida de 400.000 euros, ampliable se xorden oportunidades para incorporar novas conexións.
Adicionalmente, as operadoras poden beneficiarse das bonificacións nas taxas que comprometeu AENA e dunha partida de 100.000 euros da Xunta de Galicia por cada nova ruta durante o primeiro ano.
A vicepresidenta expuxo que rutas poden encaixar mellor coa estratexia de cada compañía, tomando como base os casos de negocio analizados por AENA. Este estudo facilita que os contactos en Frankfurt se centren en propostas adaptadas aos intereses das aerolíñas e ás posibilidades de Vigo e a provincia.
Durante as xuntanzas, Luisa Sánchez tamén trasladou o atractivo turístico do territorio e a alta demanda existente para viaxar desde Vigo por motivos laborais e de ocio.
Ao termo desta primeira xornada de contactos, a representante provincial valorou positivamente o “clima de boa sintonía” e a “disposición” das compañías a explorar posibles vías de colaboración.
A axenda continuará este venres cunha nova quenda de reunións, co obxectivo de converter o interese polo mercado vigués en novos enlaces directos para Peinador.
