A Deputación ultima o prazo para solicitar recursos da nova liña de axudas para a protección do medio natural da provincia dotada de 120.000 euros

Poden beneficiarse as sociedades de caza e asociacións de cazadores para levar a cabo actuacións de mellora do hábitat ou de mellora da adaptación ao hábitat das especies

11/04/2026

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata este venres 17 de abril o prazo para que as sociedades de caza e as asociacións de cazadores da provincia poidan solicitar a nova liña de axudas para a protección do medio natural da provincia, dotada de 120.000 euros, coa que a institución busca, en palabras do presidente provincial, Luis López, “colaborar coas federacións de caza para coidar do noso territorio”.

Con estes recursos, as sociedades e asociacións de cazadores da provincia poderán levar a cabo actuacións para a mellora do hábitat (como rozas, sementeiras ou podas), ademais de accións destinadas a mellorar a adaptación ao hábitat das especies, a compra de material como sementes e pesticidas legalmente autorizados ou tamén afrontar o mantemento dos Terreos Cinexeticamente Ordenados (TECOR). Obterán un máximo de 3.000 euros, sen exceder o 80% do orzamento, que en todo caso non poderá estar por enriba dos 3.750 euros.

O aproveitamento cinexético é unha actividade con moito arraigo en Galicia, e comprende máis do 80% do territorio. Esta actividade, desenvolvida conforme a criterios de sostibilidade, é unha ferramenta de apoio á xestión do medio natural que contribúe tanto a equilibrar as poboacións de fauna como a conservar os hábitats. A Deputación de Pontevedra considera imprescindible involucrar os colectivos de cazadores xa que desenvolven un papel activo na xestión do territorio provincial con actuacións de mellora de hábitats, seguimento e control de poboacións de fauna silvestre ou vixilancia ambiental. Posto que moitas destas actuacións supoñen custos significativos, a Deputación articula esta medida de apoio para reforzar e garantir a continuación destas medidas de salvagarda e mellora do medio natural.