A Deputación ultima os días para solicitar as axudas do programa +Convivencia Inclusiva, dotado con 125.000 € para promover iniciativas de lecer para persoas con discapacidade
O prazo de solicitude deste novo programa provincial, que ten por obxectivos o fomento da inclusión social, o benestar emocional e a participación activa das persoas con discapacidade, permanecerá operativo ata o martes 22 de setembro
13/09/2026
A Deputación ultima os días para solicitar as axudas do programa +Convivencia Inclusiva, unha nova proposta da institución provincial dotada con 125.000 euros para promover iniciativas de lecer para persoas con discapacidade. Este novidoso programa provincial, cuxo prazo permanecerá operativo ata o martes 22 de setembro, ten por obxectivos o fomento da inclusión social, o benestar emocional e a participación activa das persoas con discapacidade.
O programa está destinado a entidades de iniciativa social sen fins de lucro que desenvolvan actuacións de lecer inclusivo no ámbito da discapacidade e da dependencia na provincia. Cada unha recibirá ata un máximo de 2.500 € que lles permitirán subvencionar actividades que se desenvolvan na provincia como saídas con ou sen pernocta, entre elas visitas a lugares, concellos ou illas relacionadas coa arqueoloxía, a arquitectura civil; saídas a spas, piscinas ou balnearios, ou campamentos. Tamén poderán subvencionar propostas de lecer como asistir ao cine, teatro, concertos ou espectáculos; visitar museos, acuarios, zoolóxicos, etc.. ou desenvolver actuacións de promoción deportiva, de intervención terapéutica grupal, artísticas, creativas, de convivencia e intercambio.
As actividades deberán realizarse antes do 31 de marzo do próximo ano e entre os gastos subvencionables atópanse os derivados das actividades de tempo de lecer (entradas a cines, museos, exposición…), gastos de desprazamento necesarios para realizar as actividades de lecer inclusivo; gastos de seguros necesarios para levar a cabo o proxecto subvencionado; gastos de pernocta das persoas usuarias e do persoal profesional acompañante, gastos de restauración ou servizo de catering, ou gastos de material funxible necesario para o desenvolvemento das actividades.