A Deputación de Pontevedra cofinanciará a renovación do campo de fútbol de Condomínguez con 190.000 euros

A xunta de goberno aprobará este venres a concesión desta achega ao Concello de Nigrán para asumir con fondos provinciais o 57% do orzamento da actuación

25/03/2026

A Deputación de Pontevedra cofinanciará a renovación do campo de fútbol de Condomínguez con 190.000 euros

A Deputación de Pontevedra cofinanciará a renovación do campo de fútbol municipal de Condomínguez, en Nigrán, mediante unha achega de 189.491,55 euros que correrá a cargo do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dirixido aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Así o anunciou este mércores a vicepresidenta, Luisa Sánchez, durante unha visita a estas instalacións deportivas na que estivo acompañada pola directora de Deportes, Xisela Aranda, o alcalde da vila, Juan González, representantes da corporación local e membros da ED Val Miñor.

A representante provincial informou de que a xunta de goberno provincial aprobará este venres a devandita axuda, que representa o 57% do presuposto preciso para acometer a actuación. Salvo que concorra con éxito a algunha outra subvención compatible co PEID, o Concello de Nigrán achegará o importe restante: 145.359,49 euros. Así, o total da remodelación ascenderá a 334.851,04 euros.

O proxecto contempla a substitución do céspede artificial existente por un novo sistema de altas prestacións con certificación FIFA. Paralelamente, prevense traballos de reparación e regularización puntual das zonas que presenten irregularidades e inclúese a limpeza do sistema de drenaxe. Ademais, renovarase o sistema de rego.

Deste xeito, segundo salientou Luisa Sánchez, esta instalación deportiva quedará “plenamente operativa e apta” para o seu uso. A vicepresidenta reivindicou que este investimento provincial contribuirá a dotar ao deporte do Val Miñor dunhas instalacións “de calidade”, especialmente para todo o fútbol base que sustentan os clubs que utilizan este campo.

Adicionalmente, subliñou “a aposta decidida” da Deputación de Pontevedra polo deporte e a atención que presta a institución provincial a todos os municipios, “independentemente de quen goberne neles”, xa que foi o Concello de Nigrán quen solicitou a colaboración da Deputación de Pontevedra para poder executar esta mellora.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.