A Deputación lamenta que o Concello de Vilagarcía vete as foodtrucks de Rías Baixas que levan congregado a milleiros de persoas e solicita permiso para ubicalas en zona portuaria

O organismo provincial, ante a negativa do goberno local á instalación da furgoneta desde a que se está a poñer en valor a gastronomía pontevedresa no espazo público municipal, trasladará O Sabor das Rías Baixas ao recinto da Autoridade Portuaria, onde se poderán gozar de petiscos gratuítos entre este venres e o domingo 29 de marzo

25/03/2026

A Deputación de Pontevedra lamenta o veto do Concello de Vilagarcía de Arousa ás food trucks o Sabor das Rías Baixas, que levan congregado a milleiros de persoas e repartiu, ata a data, preto de 24.000 tapas no percorrido da campaña polos concellos da provincia. O organismo provincial, ante a negativa do goberno local á instalación da furgoneta desde a que se está a poñer en valor a gastronomía pontevedra no espazo público municipal, trasladará O Sabor das Rías Baixas ao recinto da Autoridade Portuaria co obxectivo de compartir coa veciñanza petiscos gratuítos inspirados nos pratos típicos das festas gastronómicas de interese turístico da provincia.

Con data 9 de marzo, o organismo provincial, a través da empresa adxudicataria, solicitou por rexistro ao Concello de Vilagarcía a instalación dunha food truck na rúa Alcalde Rei Daviña entre os días 27 e 29 de marzo, para distribuír de xeito gratuíto petiscos en horario de 12:30 a 15.30 horas e de 18:30 a 21.30 horas. A Policía Local de Vilagarcía emite informe favorable ao respecto da ocupación da vía pública solicitada pola Deputación de Pontevedra e traslada o documento á Xunta de Goberno Local de Vilagarcía de Arousa para a súa tramitación en sesión de data 23 de marzo.

Sen embargo, o 24 de marzo, a Deputación de Pontevedra recibe un informe denegando a actividade “ao considerar que a Rúa do Río non é adecuada para este tipo de actividade ao tratarse dunha rúa comercial, indicando que pode solicitar outra ubicación máis adecuada”. A Deputación, e tendo en conta que a rúa do Río é a antiga Alcalde Rei Daviña que considerara adecuada para desenvolver a actividade, presentou novamente por rexistro un escrito solicitando a revisión da petición, co fin de que se avalíase favorablemente a instalación desta food truck, permitindo que a veciñanza de Vilagarcía poida gozar dos petiscos gratuítos que xa desfrutaron milleiros de persoas noutras localidades da provincia.

Ata a data non se obtivo resposta favorable, polo que a Deputación de Pontevedra, co obxectivo de compartir coa cidadanía de Vilagarcía ou que se achegue á cidade as degustacións inspiradas nos pratos típicos das festas gastronómicas de interese turístico da provincia, instalará entre o 27 e o 29 de marzo, en horario de 12:30 a 15.30 horas e de 18:30 a 21.30 horas, a food truck do Sabor das Rías Baixas no recinto da Autoridade Portuaria. Alí, as persoas interesadas poderán gozar de petiscos gratuítos inspirados na Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).

O Sabor das Rías Baixas conta cunha frota de tres vehículos que realizan tres rutas para percorrer o norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa, e promovendo unha xestión sostible dos recursos desde o punto de vista económico, ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repártese material promocional onde se recollen as datas de celebración, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa. Ata a data, repartíronse preto de 24.000 tapas coas preparacións inspiradas nas festas gastronómicas de interese turístico que se celebran na provincia nos concellos de Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Catoira, Cuntis, Marín, Moaña, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Tomiño, Tui e Valga.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.