A Deputación expón no Foro MICE de Alcalá de Henares os seus plans para promover Rías Baixas como destino de congresos e eventos
A directora de Turismo, Romina Fernández, remarcou a potencialidade da provincia de Pontevedra para o turismo MICE (Reunións, Incentivos, Congresos e Eventos), un segmento que experimenta un importante crecemento anual tanto no número de participantes como no gasto medio por persoa
25/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de participar no noveno cumio MICE, en Alcalá de Henares, convidada por Foro MICE para aportar a súa visión no ámbito da promoción e xestión do turismo de congresos, eventos, reunións e viaxes de incentivos (MICE). A directora de Turismo, Romina Fernández, remarcou a potencialidade da provincia para o turismo MICE, un sector que está a experimentar un importante crecemento anual tanto en canto ao número de participantes como no gasto medio por persoa.
“O turismo MICE existe na provincia de Pontevedra pero faltaba un paraugas común, unha estrutura que nos permitira presentarnos ao exterior como un destino organizado, coordinado e cunha proposta conxunta”, subliñou a directora de Turismo, Romina Fernández. “O noso obxectivo -remarcou-é crear un produto MICE Rías Baixas, ordenado, visible, coordinado e competitivo e converternos no punto de unión, nun espazo común, escoitando ao sector para avanzar e construír xuntos”. Neste eido, a directora remarcou a potencialidade da provincia, tanto desde o punto de vista de aloxamentos e restauración, como en canto á oferta e infraestruturas e equipos técnicos, para acoller congresos, reunións, eventos e organizar viaxes de incentivos.
A Deputación de Pontevedra pretende avanzar no segmento MICE, un sector que atrae anualmente a España a 10,5 millóns de visitantes, cun incremento do gasto medio por persoa de ata un 24% na última década, co obxectivo de dinamizar e diversificar o turismo e avanzar na desestacionalización e internacionalización. Deste xeito, o organismo provincial aprobou a adhesión á Spain Convention Bureau no último pleno do 2025, celebrado o 26 de decembro e, nestes momentos, opta a converterse na terceira deputación provincial de España, despois de Valencia e Granada, en formar parte deste organismo da FEMP.
