Luisa Sánchez celebra a “maioría de idade” de Galiexpo Motorshow, erixido nun salón referente na península

A vicepresidenta destaca o “potente” programa de conferencias con referentes do sector e o impulso da Deputación de Pontevedra ao motor a través da área de Deportes

20/04/2026

Luisa Sánchez celebra a “maioría de idade” de Galiexpo Motorshow, erixido nun salón referente na península

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, celebrou a “maioría de idade” de Galiexpo Motorshow, que cumpre 18 edicións como único salón motorshow da península e convertido nunha das grandes feiras do motor en España.

A tamén deputada de Deportes, que participou este luns na presentación oficial do evento, destacou que Galiexpo Motorshow contará no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) cun espazo expositivo de 50.000 metros cadrados, nos que se darán cita arredor de 100 empresas e profesionais procedentes de distintos países europeos. Ademais, o salón ten como obxectivo acadar os 25.000 espectadores ao longo dos seus tres días de celebración: do 24 ao 26 de abril.

Igualmente, a feira exporá unha ampla gama de vehículos, con presenza de superdeportivos, vehículos clásicos, motos e furgo-camper, consolidándose como unha cita de referencia para profesionais e afeccionados.

Un dos eixos fundamentais desta edición será o programa de conferencias e congresos, no que a Deputación de Pontevedra pon especial énfase. “Apostamos polo coñecemento e pola formación como elementos clave para o crecemento do sector, e por iso contamos con grandes nomes do mundo do motor”, sinalou Luisa Sánchez.

Entre os participantes nestes encontros destacan figuras recoñecidas como Ángel Gaitán, Fernando Vega de Seoane e membros do equipo Recalvi Team, entre eles os pluricampións de España de rallies José Antonio ‘Cohete’ Suárez e Jorge Cagiao.

Luisa Sánchez puxo en valor tamén a aposta da Deputación polo deporte do motor, destacando iniciativas como o programa +Talento Motor: “Traballamos para apoiar ás novas xeracións e fortalecer un sector con enorme potencial na nosa provincia”.

A programación incluirá tamén a recuperación das actividades no exterior do recinto, con espectáculos de drift indoor, manobras extremas, así como concentracións de coches e motos. Tras o protocolario acto de presentación, Luisa Sánchez enfundouse o mono de carreira para subirse a un vehículo e, da man dun condutor experimentado, vivir desde o interior unha sesión de derrapaxes controladas. “Recoñezo que subir ao coche me infundía moito respecto, pero podo dicir que foi unha experiencia intensa e espectacular. Todo acontece moi rápido pero á vez sentes cada segundo que pasa”, relatou a vicepresidenta.

Familia e solidariedade

Ademais, o evento contará con zona de virtual gaming, presentacións das últimas novidades do mundo da preparación e do motorsport e unha ludoteca gratuíta para o público infantil. A organización mantén o seu carácter familiar, con entrada gratuíta para nenos de ata 7 anos e prezos reducidos para menores de 12.

No ámbito social, Galiexpo Motorshow continuará a súa colaboración con organizacións sen ánimo de lucro, destinando parte da recadación das exhibicións de drift a Médicos Sen Fronteiras e convidando a 89 asociacións a visitar o salón.

Así, a vicepresidenta provincial destacou a “potente” programación e concluíu sinalando que “Galiexpo Motorshow combina espectáculo, innovación, industria e compromiso social, converténdose nun evento estratéxico para o noso territorio”.

Galerias de imagenes