Luisa Sánchez sinala a homenaxe a Golpes Bajos como un dos momentos álxidos do Festival Son e Mar en Vigo

Teo Cardalda e Luis García repasarán os temas da emblemática banda da movida viguesa xunto a Antón Reixa, Miguel Costas, Silvia Superstar, Alberto Comesaña, Mercedes Ferrer e Tony Lomba

10/09/2026

Luisa Sánchez sinala a homenaxe a Golpes Bajos como un dos momentos álxidos do Festival Son e Mar en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presentou a programación da segunda semana do Festival Son e Mar, que terá este sábado, 12 de setembro, unha das súas citas máis especiais coa celebración da xornada ‘A Movida Viguesa’. Un evento este que, dentro do seu cartel, incluirá unha homenaxe especial á emblemática banda Golpes Bajos.

Acompañada pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o promotor José Patiño e os músicos Teo Cardalda e Tony Lomba, a responsable provincial salientou que se trata dun serán “dedicado en exclusiva a Vigo, á cultura local e aos nosos músicos”, cunha programación que busca reivindicar a importancia dunha xeración de artistas que “puxo Vigo no mapa nacional” e que, hai décadas, conseguiu conectar culturalmente a cidade olívica con Madrid e co resto de España.

Na presentación que tivo lugar no Bar O Ovo, local clásico da época da movida viguesa, a vicepresidenta provincial confesou que o sábado será “un día moi especial” porque permitirá gozar da música dunha época que marcou a historia cultural da cidade. O cartel reúne a artistas e formacións vinculadas directamente á movida viguesa, con nomes como Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas ou Killer Barbies, aos que acompañará a banda local Stoned at Pompeii.

Así, tal e como resaltou Luisa Sánchez, a xornada suporá unha “ocasión única” para escoitar cancións que marcaron unha época. “O 12 de setembro de 2026 quedará como a data na que a movida viguesa volveu soar en Vigo en directo, no mesmo día e no mesmo escenario”, afondou a representante provincial antes de recordar a “emoción” vivida nos concertos da primeira semana do festival, co público entusiasmado cantando temas de Cómplices, Amistades Peligrosas ou La Unión. “Este sábado volveremos emocionarnos coa música que tanto escoitamos a finais do século pasado en Vigo”, proseguiu.

Neste sentido, Ana Ortiz subliñou que a primeira fin de semana de concertos “foi “un éxito total, cunha afluencia de público que superou as 10.000 persoas”. “O sábado viviremos unha gran noite cos grupos que levaron a Vigo a ser unha referencia nacional da música e da cultura, un lugar do que por desgraza estamos moi lonxe agora. A Xunta traballa para ofrecer a mellor variedade musical a todos os vigueses para que a cidade volva ocupar o lugar que merece”, engadiu.

Pola súa banda, José Patiño cualificou como “referentes” aos músicos da movida viguesa, que “levantan un grande sentimento na cidade”. “Estamos acostumados a idolatrar aos de fóra, pero o que estes artistas van acadar este sábado é máis importante. Eles van conseguir algo moi superior a outros artistas polos que se pagan cantidades desorbitadas que non fan ningún favor á industria”, explicou.

Homenaxe a Golpes Bajos

Un dos momentos álxidos do Festival Son e Mar dese día será a homenaxe a Golpes Bajos. Teo Cardalda e Luis García, membros orixinais da banda, repasarán o repertorio do grupo nun concerto que contará coa participación, como artistas invitados, de Antón Reixa, Miguel Costas, Silvia Superstar, Alberto Comesaña, Mercedes Ferrer e Tony Lomba. Luisa Sánchez subliñou que esta iniciativa xorde “da mellor maneira posible: dos artistas, do amor pola música, da espontaneidade e da movida viguesa para a movida viguesa”.

Tal e como explicou Teo Cardalda, esta homenaxe servirá para “acordarnos de Vigo” e dunha época “irrepetible”. “A música nunca morre e as cancións sempre están vixentes. Ese vai ser o fío condutor para o sábado. Vexo moita expectación. Agardo dar a talla e que Vigo goce do espectáculo”, remachou.

Pola súa banda, Tony Lomba reivindicou o talento musical existente en Vigo e prometeu “dalo todo” para “volver tolo” ao público e converter o Peirao de Transatlánticos “nunha fonte de alegría”.

Todos os presentes animaron á cidade a achegarse ao Festival Son e Mar para vivir unha noite que pretende recuperar parte da memoria musical da cidade. O acceso será libre ata completar aforo.

A programación da segunda semana do Son e Mar comeza o 10 de setembro coa xornada O Campus, dirixida especialmente ao público xuvenil, continúa o venres co concerto de Hard GZ e remata o domingo coas actuacións de Budiño, De Ninghures, Ortiga e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre dentro do ciclo Orballo Cultural, dedicado en exclusiva á música en galego.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.