A Deputación ilumina o Pazo provincial de rosa co gallo do Día Mundial da Esofagite Eosinofílica

A institución súmase á iniciativa promovida pola Asociación Española de Pacientes con Esofagite Eosinofílica que se celebra o 22 de maio

19/05/2026

A Deputación de Pontevedra tinguirá de rosa o Pazo provincial desde este venres 22 ata a mañá do sábado 23 de maio ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Esofagite Eosinofílica. A institución provincial súmase así ás reivindicacións da Asociación Española de Pacientes con esta doenza para dar unha maior visibilidade e concienciar sobre a realidade das persoas con esta enfermidade e tamén das súas familias.

A esofagite eosinofílica é unha enfermidade crónica e pouco coñecida do aparello dixestivo que afecta o esófago e xera inflamación por unha resposta anormal dos eosinófilos. Esta patoloxía, de orixe inmunolóxica, está relacionada principalmente con alerxias alimentarias e ambientais, e provoca síntomas como a disfaxia (dificultade para tragar), impactos alimentarios ou dor no peito, ademais de refluxo. É, de feito, a primeira causa de disfaxia en España entre nenos e adolescentes, o que afecta significativamente a súa calidade de vida e desenvolvemento.

A Deputación, tinguindo de rosa o Pazo Provincial, súmase por segundo ano consecutivo a esta campaña na que participan outras preto de cincuenta institucións españolas. O lema elixido para conmemorar o Día Mundial da Esofagite Eosinofílica deste ano é “Unidos pola EoE: comer non debería doer”, facendo fincapé en que o feito de alimentarse non debería ser unha experiencia marcada polo medo, a dor ou a incerteza.