A Deputación inaugura a exposición “A vida das cousas”, con obras pictóricas de Andrés Freire que amosan a evolución da provincia ao longo de cinco décadas

O vicepresidente Rafa Domínguez puxo en valor que as obras de Freire “son unha representación de instantes capturados para o noso recordo, para visualizar detalles que o paso do tempo borrou pero podemos conservar polo resto dos tempos”

03/06/2026

A Deputación inaugura a exposición “A vida das cousas”, con obras pictóricas de Andrés Freire que amosan a evolución da provincia ao longo de cinco décadas

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou este mércores na sala de exposicións do Palacete das Mendoza a exposición “A vida das cousas”, unha viaxe no tempo pola provincia de Pontevedra da man de Andrés Freire (1927-2020) que amosan a evolución do territorio durante as cinco décadas nas que foi protagonista das súas obras. A mostra estará aberta para o público ata o próximo 28 de xuño.

O vicepresidente Domínguez asegurou que “esta escolma amosa como a provincia foi evolucionando a medida que tamén Freire foi medrando como artista”, e puxo en valor que “as obras son o claro exemplo do feitizo que provoca a nosa provincia a quen se achega ata ela: só viviu cinco anos na cidade de Pontevedra, entre 1966 e 1971, pero ese lustro abondou para querer regresar sempre que lle foi posible, para volver unha e outra vez ás rúas e paisaxes que se converterían en grandes protagonistas dos seus lenzos”. Tamén sinalou Domínguez que “as súas creacións son unha marabillosa representación deses instantes que capturou para o noso recordo, e que nos permiten visualizar detalles que o paso do tempo borrou, pero que grazas a el podemos conservar polo resto dos tempos”.

Andrés Freire Conde naceu en 1927 na Base Naval da Graña (Ferrol), sendo o sétimo fillo dunha familia de nove irmáns. Militar de carreira e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, entre outras ocupacións, culminou a súa carreira militar como capitán xeral de Levante en Valencia entre 1988 e 1991 (ano no que se lle concedeu a medalla da Real Academia de Belas Artes de Valencia). En Pontevedra residiu cinco anos que lembraba como “de vida mansa e peirao. Paseos cos nenos pola Ferrería o domingo pola mañá e, cada tarde, ver os patos nas palmeiras; e, no verán, a praia de Chancelas”. Foi un debuxante e pintor autodidacta, debuxaba case compulsivamente nas datas previas a marchar de cada cidade e moitos dos debuxos que forman parte de “A vida das cousas” son da súa despedida de Pontevedra en 1971.

A mostra recolle obras creadas desde os anos cincuenta ata a primeira década do 2000: plumas de Vilanova de Arousa, Cambados, Caldas de Reis e Pontevedra; acuarelas da súa primeira e última etapa, e debuxos feitos co seu rotulador Flo-Master. Esta viaxe no tempo pola provincia permite contemplar a súa faceta como cronista visual: cos seus debuxos descúbrense detalles que o paso do tempo borrou, recunchos que a hábil representación de Andrés Freire preservou para o presente e o futuro.

Galerias de imagenes