A Deputación remarca o significativo incremento dos visitantes estranxeiros en xuño, que son xa o 40% das persoas que chegan á provincia de Pontevedra

“Un dos grandes obxectivos da nosa estratexia de turismo é a internacionalización e este ano estamos a experimentar un forte e continuo crecemento, mes a mes, en canto aos visitantes estranxeiros que revalida que as accións impulsadas neste ámbito están a dar os seus resultados”, remarcou o presidente Luis López

24/07/2025

Luis López

A Deputación de Pontevedra confirma que segue a medrar o turismo estranxeiro na provincia, cun 7% máis de visitantes internacionais en xuño deste ano fronte ao pasado. Os visitantes internacionais supuxeron xa en xuño deste ano o 40% das persoas que visitan a provincia de Pontevedra. “Un dos grandes obxectivos da nosa estratexia de turismo -remarcou o presidente Luis López- é a internacionalización e este ano estamos a experimentar un forte e continuo crecemento, mes a mes, en canto aos visitantes estranxeiros que revalida que as accións impulsadas neste ámbito están a dar os seus resultados”.

Ao longo de xuño tamén se detectou un crecemento no que respecta á ocupación hoteleira fronte a xuño do pasado ano, superando o 46% de media no conxunto da provincia. Sitúanse por riba desa porcentaxe as cidades de Pontevedra, cunha ocupación do 56%, Vigo, cunha ocupación do 47%, ou O Grove, cunha ocupación tamén do 47%, segundo os datos que manexa o Observatorio de Turismo Rías Baixas que proveñen do Instituto Nacional de Estatística.

Pola súa banda, no que vai de mes de xullo a oficina de turismo do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, recibiu un total de 2.200 visitantes dos que o 77% son españoles e proceden de Madrid, Barcelona e  Zaragoza e o 23% restante do estranxeiro, principalmente de Francia, Reino Unido e Portugal. Ademais, tamén neste mes de xullo, visitaron os Castelos de Soutomaior e Sobroso máis de 4.000 persoas: 3.056 Soutomaior e preto de 1.000 Sobroso.

No que respecta ás rutas cara Compostela que atravesan a provincia de Pontevedra, en xullo foron xa percorridas por 105.800 peregrinos. A vía máis transitada é o Camiño Portugués, con 52.300 peregrinos, seguido polo Camiño Portugués pola Costa, con 46.100 persoas. A Vía da Prata foi elixida por 5.351 peregrinos e o Camiño de Inverno por 1.642. O 72% dos peregrinos son internacionais e proceden maioritariamente de Portugal, Estados Unidos, Alemaña e Italia.

videos

audios

20250724_luislopez_roldaprensa_xuntagoberno.mp3

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.