Luisa Sánchez acada o rescate doutros 2,5 millóns para investimentos provinciais en Vigo

A comisión de seguimento do convenio de Finca Matías emite o informe positivo para salvar os fondos da Deputación que o Concello ía a perder por falta de execución

02/09/2026

Luisa Sánchez acada o rescate doutros 2,5 millóns para investimentos provinciais en Vigo

A comisión de seguimento do convenio para a construción dun gran parque de xogos en Finca Matías emitiu o informe positivo preceptivo para avanzar na prórroga do acordo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo.

Por parte da institución provincial, asistiron á reunión a vicepresidenta, Luisa Sánchez, a deputada de Cooperación, María Ramallo, e o xefe do Servizo de Cooperación. Nesta ocasión, o Concello de Vigo si acudiu á convocatoria con dous representantes.

Luisa Sánchez confirmou que a reunión permitiu avanzar na tramitación da prórroga. “Primeiro tivemos que insistir, e moito, para que motivasen a prórroga. Non por capricho, senón porque así o dicían os nosos técnicos. Conseguímolo. Agora tiñamos que emitir o informe positivo no seo da comisión de seguimento. Conseguímolo tamén”, explicou.

Neste sentido, a vicepresidenta lembrou que, á súa chegada á Deputación, evitou a perda de 6,2 millóns de euros para a cidade por mor da falta de execución do Concello de Vigo e que agora a institución provincial volveu salvar outros 2,5 millóns vencellados a Finca Matías. “Son xa 8,7 millóns en total que rescatei para a miña cidade. Perdoen a inmodestia, pero síntome orgullosa”, sinalou.

A vicepresidenta provincial lembrou que a construción do novo parque de xogos en Finca Matías é unha actuación cofinanciada pola Deputación e o Concello, na que o organismo provincial asume o 79% do investimento mentres que o Concello achega o 21% restante.

Galerias de imagenes

audios