A Deputación supervisa o inicio das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada entre Noalla e Aios, en Sanxenxo, onde investirá 1,1 millóns de euros
A deputada provincial Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro e tamén deputado Marcos Guisasola, visitou o treito onde se executarán as obras que abranguen desde novos pasos de peóns ata redistribución de espazos e renovación das paradas de autobús
08/06/2026
A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, supervisou este luns en Noalla (Sanxenxo) o inminente inicio das obras de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9208 Noalla-Aios, que foron adxudicadas por preto de 1,1 millóns de euros e que están financiadas ao 80% pola institución provincial e ao 20% polo Concello de Sanxenxo. Na súa visita, a deputada estivo acompañada polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e polo concelleiro e tamén deputado provincial Marcos Guisasola.
Belén Cachafeiro sinalou que nos pasados días xa se asinou a acta de comprobación de replanteo, co que as obras están en condicións de comezar. A actuación abrangue un treito de preto dun quilómetro e ten por obxecto a creación dun itinerario peonil na marxe dereita da estrada para mellorar as condicións de seguridade da vía. Trátase dunha senda de 2,5 metros localizada nunha zona cunha importante afluencia de peóns, debido á proximidade de focos importantes de atención como o cemiterio, a igrexa de Noalla ou o itinerario peonil da EP-9212 que comunica coa praia da Lanzada.
A deputada provincial lembrou que as obras tamén contemplan a rehabilitación do firme para recuperar as características funcionais da capa de rodadura, o acondicionamento e a mellora dos frontais das parcelas con edificacións na marxe esquerda para unificalos, a renovación e mellora das paradas de autobús, a disposición de pasos peonís sobreelevados e redutores de velocidade, así como a execución de cunetas remontables. Tamén se renovarán o alumeado público, co soterramento da rede, e mais o mobiliario urbano. O prazo de execución previsto é de nove meses.
Estas obras forman parte da aposta do goberno da Deputación pola renovación das infraestruturas provinciais que transcorren por Sanxenxo. De feito, Cachafeiro tamén visitou outro proxecto que a institución ten na actualidade en marcha no concello, as obras de mellora da seguridade viaria na marxe dereita da EP-9206 Portonovo-A Vichona, que contan cun orzamento de 154.000 € e están financiadas integramente pola Deputación. Esta actuación mellorará as condicións dun treito de 380 metros a través da execución dunha beirarrúa para facilitar o tránsito peonil, a renovación da capa de rodadura e da sinalización afectada. Ademais, substituiranse as lousas rotas e afundidas por formigón colorado no tramo que xa contaba con beirarrúas e, entre outras actuacións, a execución dunha nova rede de augas pluviais.
