Luis López sinala o Concello de Lalín como un dos “mellores exemplos” da estratexia de descentralización dos grandes eventos culturais e deportivos impulsada pola Deputación

O presidente provincial vén de participar na presentación da Volta Galicia BTT, a primeira probas por etapas desta modalidade de ciclismo con categoría UCI que se celebrará en Lalín e municipios da contorna do 1 ao 4 de maio con máis de 170 corredores inscritos

26/04/2025

Luis López en Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o concello de Lalín como un dos “mellores exemplos” da estratexia de descentralización da cultura, o turismo e o deporte que está a aplicar o goberno provincial co obxectivo de achegar á veciñanza de calquera recuncho da provincia uns servizos de calidade. Fíxoo na presentación da primeira Copa Galicia BTT, a primeira competición desta disciplina ciclista por etapas con categoría UCI de Galicia, que tivo lugar este sábado no Concello de Lalín. “Organizar eventos coma esta Volta a Galicia BTT non fai máis que consolidar a esta provincia como o que é, a provincia do deporte; e reafirmar o compromiso da Deputación coa descentralización”, declarou o mandatario provincial.

A primeira Volta a Galicia BTT, que recolle a remuda da emblemática Lalín Bike Race, celebrarse entre os días 1 e 4 de maio con catro etapas polo interior da comunidade: O Carballiño, Lalín, Melide e o corazón do Deza. Unha proba que conta con máis de 170 corredores inscritos de categorías elite, sub 23 e máster tanto de categoría masculina coma feminina. Ademais, entre os participantes é destacada a representación local con 17 ciclistas dos clubs organizadores da competición, Extol MTB Team e Montes do Deza, así como do RG Bikes Scott Team.

“Vilas como Lalín teñen capacidade, recursos e, sobre todo, dereito a desfrutar de eventos deportivos de primeira como os que pode acoller calquera cidade da provincia”, defendeu Luis López citando exemplos de eventos promovidos pola Deputación de interese xeral como o partido da selección nacional de balonmán ou a gala dos Premios Mestre Mateo.

O titular do goberno provincial recoñeceu tamén o labor dos organizadores da proba pola súa determinación á hora de lanzarse a organizar unha proba de nivel internacional, pola súa confianza nas posibilidades da provincia, da comarca do Deza e das veciñas zonas do Carballiño e Melide, en Ourense e Lugo; e tamén por atopar a colaboración de moitas institucións, entre elas a Deputación.

Neste sentido, Luis López recoñeceu o carácter especial que ten esta proba no ámbito persoal. “Esta competición, como moitas outras, lémbrame a miña época de voluntario no Rally do Cocido, tamén me lembra a miña outra afección: a bicicleta e, por último, a unha paixón: o Deza, de Rodeiro a Lalín”, confesou antes de felicitar a todas as persoas que fixeron posible a organización deste evento e convidar a todos os afeccionados ao ciclismo a desfrutar dunha nova competición que acolle “a provincia do deporte”.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.