Luis López anuncia que “a arte volve e faino pola porta grande”, con 540.000 euros para os traballos de transporte de obras e montaxe da 32ª Bienal de Arte
“Seguimos avanzando, traballando para converter a este acontecemento na mellor e maior cita de arte de Pontevedra, porque vai ser un auténtico escaparate para a creatividade e o talento e a promoción do intercambio cultural”, asegurou o presidente Luis López
02/05/2025
A Deputación de Pontevedra continúa avanzando na organización da 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra, e saca a licitación o contrato para o servizo de transporte de obras e montaxe da mesma, uns traballos que contan cun orzamento total de 540.000 euros. "A arte volve e faino pola porta grande. Seguimos avanzando, traballando para converter a este acontecemento na mellor e maior cita de arte de Pontevedra, porque vai ser un auténtico escaparate para a creatividade e o talento, a promoción do intercambio cultural, o diálogo e a colaboración entre artistas locais, nacionais e internacionais", asegurou o presidente Luis López.
Este contrato inclúe, entre outros, os traballos de concentración das obras, é dicir, a súa embalaxe e transporte desde os seus lugares de orixe (países como Alemaña, Brasil, España, Francia, Italia, Perú, Portugal, Reino Unido e República Checa) ata as salas de exposicións dos edificios Castelao e Sarmiento, do Convento de Santa Clara, do Pazo da Cultura e da Fundación Manuel Moldes, sedes desta 32ª Bienal de Arte.
Ademais, a empresa deberá encargarse da desembalaxe das obras e da asistencia dos artistas á montaxe das mesmas, así como dos traballos de dispersión ao remate da Bienal no mes de setembro, que inclúen a reembalaxe, transporte, desembalaxe e relocalización de todas as pezas artísticas.
