Luis López presenta a campaña “A túa meta, o teu destino” como un convite para “desconectar, conectar e reconectar” da rutina e descubrir Rías Baixas a través do deporte

O presidente da Deputación, acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e membros do seu goberno, dá a coñecer en Madrid a campaña de promoción turística da provincia no stand de Galicia da Feira Internacional de Turismo de Madrid

22/01/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de dar a coñecer en Fitur, a feira internacional de turismo máis importante do país, que se está a celebrar estes días en Madrid, a campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas. Unha campaña centrada por primeira vez no turismo deportivo que, baixo o lema “A túa meta, o teu destino”, presenta os 61 concellos da provincia como auténticos polideportivos ao aire libre no que tanto afeccionados como profesionais do deporte poden desfrutar de calquera tipo de actividade física en solitario, en equipo ou en familia os 365 días do ano nunha contorna natural excepcional. “Rías Baixas vai máis aló dun destino, é un estilo de vida. Poder combinar calidade con tranquilidade, paisaxes con plans diversos, o descubrimento do turista coa sensación de estar na casa; iso só pasa nas Rías Baixas. E parte diso ten moito que ver co deporte, porque quen pasee un día de polas nosas praias, saia ao mar, circule por unha estrada de montaña ou camiñe por unha cidade, verá a cada vez máis persoas que atopan no deporte unha forma de relacionarse coa súa terra e coa xente”, explicou o mandatario provincial o sentido dunha campaña á que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como da vicepresidenta provincial Luisa Sánchez, o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; ademais doutros membros do goberno provincial, rexedores de distintos concellos da provincia e representantes do sector turístico.

No stand de Turismo de Galicia e conducido pola actriz viguesa Marta Larralde e o presidente Luis López, a presentación contou coa proxección de dúas pezas audiovisuais da campaña “Rias Baixas: tu meta, tu destino” nas que deportistas de diversas disciplinas, profesionais e afeccionados, mesturando imaxes que amosan a incomparable beleza natural das Rías Baixas demostran o potencial da provincia como escenario único para a práctica deportiva. “Temos unha oportunidade de converter o deporte nunha panca de desestacionalización do turismo para desconxestionar moitas zonas, existe unha alianza entre deporte e calidade, deporte e internacionalización, deporte e sustentabilidade e hai unha aposta por converter Rías Baixas en escenario de grandes eventos deportivos, así como  axudas de récord para 400 deportistas de elite e apoio a 500 citas deportivas e estamos a investir 20 millóns de euros desde a Deputación na renovación de infraestruturas deportivas. Imos camiño de 200 actuacións en polideportivos, ximnasios, pistas de atletismo, campos de fútbol, pistas de pádel ou tenis”, enumerou o presidente para explicar porque a de Pontevedra é a provincia do deporte.

 

Desconectar, conectar e reconectar
A aposta polo turismo deportivo que está a realizar a Deputación é unha invitación ao visitante, de todas as partes do mundo, a mergullarse de cheo no estilo de vida propio das Rías Baixas e deixar a un lado o estrés da vida cotiá. “Moitísima xente elixe Rías Baixas para pasar os mellores días do seu ano. Veñen de todos os perfís, de todos os lugares e de todos os niveis porque aquí atopan o seu particular oasis. Rías Baixas é todo e para todos: é praia e montaña, costa, interior e illas; é auga salgada, doce e termal; é gastronomía das estrelas Michelín e de casa; é a alta cultura da Bienal de Pontevedra e dos festivais dos Rías Baixas Fest; son  os viños de Rías Baixas e os produtos da terra; e é camiñar, nadar, correr, escalar, navegar, mergullar. Pero ademais, tamén dicimos que é a meta, porque Rías Baixas é a mellor receita para os que buscan conectar con esa parte que temos tan esquecida o resto do ano. Rías Baixas é hoxe unha voz que che di: deixa as pantallas, conecta, desconecta e reconecta”, remarcou o dirixente provincial sobre os puntos fortes dun destino que cada ano capta a atención de máis visitantes, tanto de dentro como de fóra de España.

Neste sentido, recoñeceu o presidente provincial que as dúas últimas campañas de Turismo Rías Baixas, “Cando Volves?”, que nun ano acadou os 70 millóns de impactos, e “A túa meta, o teu destino”; gardan certa relación, non só porque as dúas buscan garantir a sustentabilidade do territorio e promover a descentralización e desestacionalización do turismo, senón porque forman parte do proxecto de provincia que impulsa o goberno de Luis López. “Cando cheguei á presidencia da Deputación tiña dúas prioridades. Unha era lanzar unha campaña sobre o interior da provincia e penso que saíu ben e a outra era esta, porque o deporte é a miña paixón persoal e unha prioridade política. O deporte é unha ferramenta de transformación social, territorial e económica enorme”, afirmou o dirixente antes de pechar a presentación do destino recomendando os seus lugares favoritos das Rías Baixas para practicar deporte. 

Enlaces de interés

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.