Luís López presenta “Forzans: historias de petróglifos, castros, pazos e afouteza”, un libro que pon en valor o patrimonio desta parroquia co apoio da Deputación
O presidente provincial, acompañado polo presidente da asociación e autores da obra salientou o compromiso con colectivos veciñais da provincia como O Torreiro de Forzáns, que recibiu axudas para editar o libro e para mellorar equipamentos na súa sede
12/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presentou esta mañá no Pazo provincial o libro “Forzáns: Historias de petróglifos, castros, pazos e afouteza”, unha publicación editada pola Asociación Veciñal e Cultural O Torreiro de Forzáns co apoio da Deputación que pon en valor o patrimonio histórico e inmaterial desta parroquia do Concello de Ponte Caldelas. “Nesta casa sempre son ben recibidos colectivos veciñais e culturais que dedican o seu tempo e recursos a poñer en valor o noso patrimonio inmaterial”, afirmou o López para darlle a benvida aos autores da obra.
Con motivo desta presentación, déronse cita na sede provincial o presidente da asociación, Antón Xil, así como algúns dos autores da obra, como o historiador Buenaventura Aparicio ou a ilustradora Uxía Francisco, así como representantes da veciñanza de Forzáns, que colaboraron activamente na recompilación da tradición oral, lendas e relatos populares que forman parte do legado inmaterial da parroquia. A publicación recompila estudos científicos e investigacións de prestixio xunto coa memoria colectiva da veciñanza, configurando unha obra coral que pon en valor o patrimonio material e inmaterial deste territorio do interior da provincia tratando temas como a arte rupestre, os castros, a heráldica ou a invasión napoleónica.
“Este Pazo provincial ben podería entenderse como esa Casa da Cultura de calquera parroquia, pero a nivel provincial. Nesta casa impulsamos a cultura tanto cando entregamos os Premios Castelao ou os Otero Pedrayo ou axudamos ás bandas de música para renovar os seus instrumentos e vestiario; nesta casa defendemos e promovemos o uso do galego a través de liñas de apoio a todo tipo de colectivos que xa temos en marcha e que repartirán este ano 450.000 euros para, entre outros cometidos, a edición de libros por parte de colectivos culturais; e porque nesta casa sempre son ben recibidos colectivos veciñais e culturais”, salientou o presidente, quen lembrou que O Torreiro de Forzáns xa foi beneficiario tamén doutra axuda da Deputación do plan Provincia Comunitaria para adquisición de equipamentos para a súa sede.
Despois de salientar a importancia dunha obra que “fortalece as nosas raíces e a nosa cultura” ao tempo que supón unha “nova mostra do apoio do goberno provincial ás iniciativas veciñais”, o presidente provincial puxo en valor o labor de entidades veciñais e culturais como O Torreiro de Forzáns, reafirmou o compromiso da Deputación co apoio aos colectivos, á cultura e á lingua e convidou a todos os amantes da provincia a facerse cun exemplar desta obra.
