Luis López garante o porvir de Príncipe Felipe, fogar de 3.655 persoas nos seus 50 anos de historia, cunha reforma histórica das súas instalacións por valor de máis de 5M€
O mandatario provincial, acompañado por membros do seu goberno e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; recoñece nos actos de celebración do 50 aniversario de Príncipe Felipe a atención exquisita e fundamental que prestan os profesionais deste centro
16/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, garante o porvir de Príncipe Felipe, que acolleu nos seus 50 anos de historia 3.655 persoas, cun investimento sen precedentes por parte da Administración provincial de máis de 5 millóns de euros para reformar o centro infantil e o pavillón deportivo e que se suman aos 16,6 millóns da súa partida orzamentaria neste 2026 para que Príncipe Felipe siga a ser unha “referencia” a nivel provincial e autonómica na atención, nos coidados e na integración da infancia. Na conmemoración deste medio século de historia, na que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como representantes de institucións e colectivos de benestar social vencellados a esta entidade; o mandatario provincial recoñeceu e agradeceu o labor dos 226 traballadores de Príncipe Felipe, a pegada deste centro na cidade e a provincia e o legado de todas as nenas e nenos que neste tempo fixeron deste recinto dos montes de Mourente o seu fogar.
“Era moi necesario este acto, por moitas razóns máis alá do medio século de vida, que xa o xustifica todo. Hoxe son merecidos protagonistas os que falades de Príncipe Felipe como casa. Nunca apuntan os focos a estas paredes, por iso este día é especial e agradezo a todas as autoridades que fixeran un oco para acompañarnos. Levo vividos en primeira persoa só tres dos cincuenta anos deste complexo, pero xa fun testemuña dalgún momento que me permite falar desa entrega silenciosa con coñecemento de causa. Asegúrovos que a disposición, a iniciativa e a profesionalidade que vin non é unha excepción, ao contrario, é unha constante neste centro”, recoñeceu o presidente provincial para enxalzar a atención que se ven prestando ás nenas e nenas que residen en Príncipe Felipe desde hai 50 anos.
A conmemoración deste 50 aniversario tivo lugar no auditorio Jose Manuel Pérez Matos, “Portu”, bautizado este ano con este nome en memoria do extraballador da Deputación e antigo residente de Príncipe Felipe despois do seu falecemento. No patio de butacas déronse cita decenas de persoas. Ademais do presidente Luis López e o seu equipo de goberno, tamén estivo presente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Política Social, Fabiola García; representantes de concellos da provincia e de colectivos vencellados ao benestar social de todo o territorio. Despois dun percorrido institucional polas instalacións de Príncipe Felipe, o acto comezou coa proxección dun vídeo que resume os 50 anos de historia de Príncipe Felipe. Para afondar máis na importancia deste servizo, tivo lugar unha emotiva mesa redonda na que conversaron dous antigos residentes do fogar: Maisa de Kelly e Jose Manuel García; xunto coa educadora do centro María Nieves Alonso e a exeducadora Margarita Martínez.
Despois dun novo vídeo en memoria dos 3.655 nenas e nenas que viviron neste centro, chegou a quenda das intervencións do presidente da Deputación, Luis López; e do presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda, quen puxo en valor o significado e a pegada deste centro tanto para Pontevedra como para toda Galicia. “Este centro é parte da historia de Pontevedra e explica a evolución da cidade e da nosa sociedade. É unha institución fundamental para Galicia”, dixo reafirmando o apoio da Xunta a un centro que acolle a 105 persoas tuteladas pola Administración autonómica.
Pola súa banda, o presidente Luis López quixo celebrar este aniversario referíndose a Príncipe de Felipe en clave de futuro. “Parece un contrasentido falar do pasado dun centro que deu tanto futuro. Pero como ben dicían Margarita, Nieves, José Manuel e Maisa, Príncipe deu un fogar e un porvir aos 3.655 rapaces que cruzaron estas portas. Exactamente 3.655, cada unha coa súa orixe, coas súas mochilas e coas súas ganas de saír adiante”, remarcou o dirixente provincial. Un servizo fundamental que a Deputación non deixa de reforzar, tanto co esforzo ano a ano para dotar a este complexo dos recursos necesarios, como con investimentos extraordinarios para que Príncipe Felipe siga a ser un “faro de educación, de coidados e de lecer para todos os pontevedreses”. Neste 2026, ademais dunha partida orzamentaria de 16,6M€ “para ofrecer a mellor atención aos usuarios, as mellores condicións aos traballadores e as instalacións máis modernas”; a Deputación tramita un investimento de máis de 5M€ para a modernización do centro infantil e o pavillón. “Coincidindo co 50 aniversario, estamos a efectuar a maior obra da historia recente deste complexo”, informou López.
Sen embargo, a transcendencia de Príncipe Felipe vai máis aló dos muros do seu recinto. “Estas instalacións son parte activa na vida da cidade de Pontevedra. Desde os montes de Mourente, o centro Príncipe Felipe foi un faro de educación, de coidados e lecer para todos os pontevedreses, título que hoxe comparte coa espectacular silueta do Novo Montecelo, o faro sanitario de Pontevedra e área. Porque aquí tamén hai outra historia paralela de colaboración institucional. A Xunta de Galicia sempre está ao outro lado da liña para apoiar o labor que facemos en Príncipe. Por non falar doutros acordos relevantes que adoptamos aquí, como a transferencia do Centro de Formación Profesional Carlos Oroza, e a gratuidade das prazas da Escola Infantil”, recoñeceu o presidente, quen agradeceu tamén a cooperación da Comunidade de Montes de Mourente para facilitar a prestación deste servizo nesta localización.
“Non podemos evitar que rapaces e rapazas ingresen en Príncipe Felipe, porque sería como extirpar da nosa sociedade moitos dos males que a aqueixan e non temos esa capacidade. Pero mentres sigan saíndo deste centro persoas como María del Carmen, como Mercedes, como Benito, como Leandro, como Reyan ou como Portu poderemos estar tranquilos, porque teremos unha provincia amable, solidaria, familiar e exemplar”, concluíu o presidente da Deputación dando “os parabéns no nome de toda a provincia a todas e todos e, sobre todo, grazas aos 226 traballadores da casa”.
