Luis López felicita O Refuxio polo seu 75 aniversario e polo impulso ao rural: “É a demostración do gran potencial que ten o interior da provincia, só hai que crer nel”

O mandatario provincial dá os parabéns a Natalia Guzmán e á súa familia pola traxectoria dunha taberna familiar que abriu as súas portas nos anos 50 en Vila de Cruces para converterse nunha referencia da gastronomía galega, do turismo de interior e de crecemento empresarial

29/03/2026

Luis López felicita O Refuxio polo seu 75 aniversario e polo impulso ao rural: “É a demostración do gran potencial que ten o interior da provincia, só hai que crer nel”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece O Refuxio, un negocio familiar liderado por Natalia Guzmán que comezou como taberna en Merza e se ten expandido por varios segmentos da hostalería, que este domingo celebrou o seu 75 aniversario, como exemplo do potencial e das posibilidades de emprendemento que ofrece o rural da provincia. Unha data especial que reuniu no mesmo establecemento que abriu as súas portas nos anos 50 a milleiros de persoas que forman parte da historia dunha empresa de referencia para o sector hostaleiro e do turismo na comarca do Deza e do interior da provincia de Pontevedra.

“Hai cuestións que xeran debate en moitos ámbitos: Pódese apostar por un rural con futuro?, pódese impulsar o turismo no interior? E pódese emprender nunha comarca do Reto demográfico?. Coido que estar hoxe aquí, na celebración do 75 aniversario do Refuxio responde sobradamente a todas esas cuestións e pecha calquera debate sobre as posibilidades e o potencial do rural. Pódese. O Refuxio é a resposta, O Refuxio é o exemplo e O Refuxió é inspiración”, declarou o mandatario provincial na quenda de intervencións institucionais na que aproveitou para felicitar á familia Pereira polos 75 anos de traxectoria do Refuxio e reafirmou o compromiso da Deputación co rural e o interior da provincia. “O Refuxio é a demostración do gran potencial que ten o interior desta provincia extraordinaria. O único que fai falta e crer nel”, remarcou.

Neste sentido, Luis López puxo como exemplo o caso do Refuxio, que está en fase de expansión a outros concellos da contorna e está consolidado como un establecemento de referencia dentro da gastronomía galega, para sumar o apoio da Deputación ao impulso do rural. “Un rural que ten moito futuro. Tanto no sector primario, como no turismo e en moitos outros sectores porque hai talento, hai profesionais e hai materia prima; polas posibilidades que ofrece o Deza e a provincia para impulsar o emprendemento; e tamén polo turismo, porque nas Rías Baixas non todo é sol e praia, temos o Camiño, o enoturismo, a gastronomía, a natureza, os ríos, o deporte ou a observación do ceo nocturno. Os atractivos son incontables e na Deputación apostamos polo turismo de interior cunha campaña que deu a volta ao mundo —‘Cando Volves?’— sen amosar un só metro de praia que foi un éxito rotundo, que acadou premios por todo o mundo e que multiplicou o número de visitantes, tanto nacionais como internacionais”, recoñeceu o mandatario provincial.

“Só me queda desexar que a este 75 aniversario do Refuxio lle sigan outros 75 e moitas máis xeracións da familia Pereira igual de comprometidas co rural”, concluíu o presidente Luis López para agradecer o traballo do Refuxio pola dinamización do interior da provincia e reafirmar o compromiso da Deputación co tecido empresarial e veciñal da comarca do Deza e do conxunto da provincia.

Galerias de imagenes