Luis López enxalza as raíces, o orgullo e a unión da veciñanza de Arcos da Condesa na conmemoración do 80 aniversario da fundación desta Entidade Local Menor

O presidente provincial, acompañado polo deputado Ricardo Martínez, participa no acto institucional de celebración dos 80 anos de historia desta localidade de Caldas cunha mención especial ao exalcalde Francisco Rivas polas súa dúas décadas de servizo público

12/09/2026

Luis López enxalza as raíces, o orgullo e a unión da veciñanza de Arcos da Condesa na conmemoración do 80 aniversario da fundación desta Entidade Local Menor

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza as raíces, o orgullo e a unión da veciñanza de Arcos da Condesa, unha Entidade Local Menor pertencente ao Concello de Caldas de Reis, con motivo da conmemoración do 80 aniversario da súa fundación. Un acto no que o mandatario provincial recoñeceu o labor e entrega de todos os alcaldes pedáneos que ocuparon o cargo de presidente desta Entidade Local Menor ao longo da súa historia. Neste sentido, o dirixente dedicou unha mención especial ao exalcalde Francisco Rivas, quen exerceu como alcalde pedáneo durante vinte anos.

“Un deses lugares particulares e únicos que temos na provincia é Arcos da Condesa, unha singularidade administrativa —só hai nove en Galicia, tres na nosa provincia— que converte a un pobo orgulloso das súas raíces, da súa contorna e do seu carácter nunha institución que camiña cara os cen anos de historia”, recoñeceu o dirixente provincial. López quixo sumarse á homenaxe aos exalcaldes porque “a grandeza e a historia de moitos lugares, non se pode entender sen mencionar ás persoas que as habitan e dedicaron a súa vida a traballar pola súa prosperidade e aquí compre mencionar a todos os que pasaron por aquí desde 1946”. Con todo, o mandatario provincial quixo dedicar unhas palabras especiais a Francisco Rivas, quen ocupou o cargo durante dúas décadas. López salientou a “entrega” de Rivas durante dúas décadas, a “vocación” para exercer o seu cargo e promover a “unión” entre a veciñanza e a súa “exemplaridade” á hora de axudar aos veciños. “Eu reivindico esta política, a de Paco e a entidade Local, a que sacrifica tempo, enerxías, prestixio e ata cartos por mellorar un pouco a vida dos seus veciños”, afirmou o presidente provincial.

O acto celebrado nesta tarde de sábado comezou cunha conferencia sobre a historia de Arcos da Condesa a cargo do historiador Heitor Picallo seguido dunha peza audiovisual con entrevistas aos antigos presidentes da Entidade. O exalcalde pedáneo Francisco Rivas foi o encargado de pronunciar un discurso sobre a historia da súa localidade e que precedeu á homenaxe aos once presidentes da historia da Entidade Local Menor de Arcos da Condesa nunha cerimonia de entrega de recoñecementos no que participou o presidente da Deputación Luis López.

Galerias de imagenes