Luis López enxalza o compromiso compartido entre a Academia Xacobea e a Deputación para potenciar activos culturais como a Ruta do Padre Sarmiento polo Salnés
O presidente provincial participa no Pazo provincial xunto ao alcalde de Poio Ángel moldes e o presidente da Academia, Marcelino Agís, na presentación das primeiras xornadas Camiños Pontevedreses que terán lugar en Poio os días 18 e 19 de setembro
09/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza o compromiso compartido entre a Administración provincial e a Academia Xacobea para a protección, posta en valor e divulgación de activos do patrimonio inmaterial da provincia como é A Ruta do Padre Sarmiento, unha vía de peregrinación cara Santiago de Compostela que motiva a celebración das primeiras xornadas Camiños Pontevedreses que organizará a academia os días 18 e 19 de setembro no Mosteiro de Poio.
“É un pracer que escollades este Pazo provincial para presentar a primeira edición dun evento que afonda na nosa cultura, na nosa historia e nas nosas tradicións; que potencia un dos nosos maiores atractivos, como son os camiños cara Santiago de Compostela; e que contribúe a dinamizar o modelo de turismo que promovemos: o sustentable, o descentralizado e o ligado á cultura”, declarou o mandatario provincial, quen felicitou aos responsables da Academia Xacobra “por todo o traballo realizado” e tamén ao alcalde de Poio por poñer facilidades para acoller actos de toda clase.
A presentación destas xornadas, primeiro acto que organiza a Academia Xacobea na provincia, tivo lugar este mércores no Pazo provincial. O presidente da entidade, Marcelino Agís, foi o encargado de detallar o contido do programa, mentres que o alcalde de Poio, Ángel Moldes, puxo o foco na importancia que ten para o seu Concello e o conxunto da provincia tanto a proxección desta ruta como a organización das xornadas neste municipio. As xornadas desenvolveranse en dous días, o primeiro inclúe unha visita guiada ao Mosteiro de Poio previa a celebración do acto solemne de ingreso de novos académicos; mentres que o segundo dedicarase en horario de mañá a conferencias e, pola tarde, a visitar Combarro e a illa de Tambo. O aforo está limitado a cen persoas, a inscrición permanece aberta e a participación é gratuíta.
O presidente da Deputación convidou a todo o mundo, tanto veciños da provincia como visitantes, a completar esta ruta que bordea toda a comarca do Salnés ata adentrarse na provincia da Coruña. “Queremos proxectar a ruta do Padre Sarmiento para que os visitantes que elixen Rias Baixas a poidan completar en calquera dos 365 días do ano. Somos un destino vinculado á natureza e este percorrido polo litoral convido a que o fagan porque é espectacular”, concluíu Luis López.
