Luis López anuncia 4 M€ máis de orzamento para atender o 100% das 900 solicitudes de axuda para asociacións de veciños e traídas de auga

O presidente da Deputación, acompañado pola deputado Javier Tourís, visita as instalacións da Comunidade de Usuarios de Auga de Goián, en Tomiño, beneficiaria de tres axudas por valor de 30.000€ ao longo das tres convocatorias do +Aqua

29/06/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia un incremento de case 4 millóns de euros no orzamento dos plans de Acción Comunitaria impulsado polo goberno provincial para impulsar o movemento veciñal. Nunha visita ás instalacións da comunidade de usuarios de auga de Goián, no Concello de Tomiño, e acompañado polo deputado Javier Tourís, o mandatario provincial informou dun incremento de 2,24 millóns de euros na dotación económica do plan +Aqua e de 1,7 millóns de euros, na do plan Provincia Comunitaria. “Non hai moito, en febreiro deste ano, reuniámonos aquí en Tomiño para coñecer os detalles dunha nova entrega dos programas de Acción Comunitaria postos en marcha pola Deputación e hoxe volvemos visitar Tomiño para anunciar que imos incrementar o crédito para que as axudas cheguen ao 100% dos solicitantes, ninguén vai quedar sen axuda”, afirmou López despois de percorrer as instalacións dun colectivo beneficiado con preto de 30.000 euros da administración provincial ao abeiro das tres convocatorias do +Aqua aprobadas neste mandato.

O goberno provincial ten en marcha neste 2026 a terceira convocatoria dos plans de Acción Comunitaria, que engloban o Plan provincia Comunitaria, para axudar na renovación das sedes e bens das comunidades de veciños; o Plan +Aqua, para colaborar na mellora dos equipamentos das comunidades de usuarios de auga; e o +Novaqua, para promover a regularización das traídas veciñais. Deste xeito, o orzamento dos dous primeiros, dotados inicialmente con 1,44M€ e que supón un 40 % máis que na primeira convocatoria, elévase ata os 3,14M€ no caso do Provincia Comunitaria e ata os 3,6M€, no caso do +Aqua. Cada entidade beneficiaria poderá recibir axudas por parte da Deputación ata un máximo de 10.000€.

Este aumento de recursos é a resposta do goberno de Luis López ao “aluvión” de solicitudes recibidas ás convocatorias destes dous plans. “Nos dous anos que levamos con estes programas de Acción Comunitaria, tivemos un pouco máis de 900 concesións de axudas. Pois este ano rexistramos máis de 900 solicitudes”, destacou o dirixente antes de confirmar que serán atendidas todas, sempre que superen os trámites administrativos. “O compromiso da Deputación coas comunidades de augas é claro”, asegurou López, quen recoñeceu o papel “fundamental” que están a xogar tanto o deputado responsable da área de Acción Comunitaria, Javier Tourís; como a comunidades de auga da provincia coma a de Goián, que abastece de auga a máis de 4.600 veciños. “Parabéns polo voso traballo”, enxalzou o presidente.

Por outro lado, reafirmou Luis López o compromiso de seguir colaborando co tecido veciñal e coas comunidades de usuarios de auga de toda a provincia, ás que insta a achegar todas as propostas para mellorar un programa no que tamén abre a porta á participación dos concellos, administracións que teñen as competencias na xestión da auga. “Se sumamos todas as administracións, podemos facer algo moi potente”, conclúe o presidente da Deputación.