Luis López anuncia unha nova inxección de 8M€ para seguir revolucionando as instalacións deportivas dos concellos, que xa suman preto de 300 actuacións e 28M€ investidos

O presidente da Deputación informa que as bases e dotación económica deste plan, creado no 2023 polo goberno provincial, serán aprobadas no pleno deste venres cos mesmos criterios de reparto e o mesmo orzamento que no programa anterior

09/09/2026

Luis López anuncia unha nova inxección de 8M€ para seguir revolucionando as instalacións deportivas dos concellos, que xa suman preto de 300 actuacións e 28M€ investidos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a convocatoria do cuarto Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o programa creado polo goberno provincial no primeiro ano de mandato para impulsar a mellora das instalacións municipais nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O proxecto volve contar cun orzamento de 8 millóns de euros para repartir entre os concellos beneficiarios, o que eleva o investimento da Deputación na mellora dos equipamentos deportivos da provincia a través deste plan no presente mandato ata os 28M€. “Foi un dos primeiros plans que puxemos en marcha no noso primeiro ano de goberno, porque desde o minuto un queriamos converter este territorio na provincia do deporte”, declarou o mandatario provincial despois de informar da aprobación das bases e da dotación económica da cuarta edición deste plan prevista para o pleno extraordinario do vindeiro venres nun acto no que estivo acompañado pola directora de depores, Xisela Aranda.

O cuarto Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación repartirá entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes, todos os da provincia agás as dúas cidades Vigo e Pontevedra, un total de 8 millóns de euros. A contía repartirase entre os beneficiarios a través de dous mecanismos: o 55% do orzamento corresponde á parte fixa e repártese a partes iguais entre todos os beneficiarios, que recibirán un fixo de 75.000 euros; e, por outro lado, o 45 % da parte variable que se reparte en base a criterios obxectivos como poboación, núcleos ou, como estableceu o goberno provincial desde o primeiro momento, tendo en conta o reto demográfico. Deste xeito, o Concello de Vilagarcía, cunha subvención de 312.400 euros, repetirá como maior beneficiario dunha lista que pecha Mondariz Balneario, con 79.500 euros.

A finalidade destas axudas é dobre. Por un lado, os concellos poden presentar proxectos para a mellora ou construción de novas instalacións deportivas e, por outro, para a adquisición de materiais e bens de uso deportivo para mellorar os servizos prestados nas instalacións municipais.

“O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas resultou un completo acerto tanto pola gran acollida que lle deron os alcaldes e alcaldesas e os clubs e entidades dos seus municipios, que viron neste programa a ferramenta específica para acometer unhas obras necesarias pero ás veces sen financiación; como polo resultado que despois de tres edicións está a dar, con preto de 300 actuacións , en toda a provincia”, destacou o dirixente facendo fincapé en que “xa non é novo que somos a provincia do deporte, a novidade está en que seguimos apostando e reforzando o noso compromiso co deporte e cos concellos”. Neste sentido, afirmou o presidente que con esta cuarta entrega do PEID “volvemos inxectar 8M€ nas arcas dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes, volvemos incentivar a construción ou mellora de instalacións deportivas e a compra de material e volvemos promover arredor dun centenar de actuacións e que vai supoñer un total de máis de 400 actuacións cando estea definitivamente resolto”.

A aposta do goberno provincial polo deporte non se limita unicamente á mellora das instalacións municipais, a provincia do deporte susténtase tamén noutros piares fundamentais. “A colaboración con clubs e deportistas, co maior apoio da historia da Deputación con máis de 5.000 axudas e as axudas Prodeporte, un plan pioneiro para impulsar a mellora das instalacións dos clubs; novos programas para fomentar o deporte, como o circuíto de carreiras Entre Pontes, O Noso Club, +TalentoMotor ou DepoVan; colaboración na organización de grandes eventos deportivos na provincia e a aposta polo turismo deportivo, con axudas específicas para eventos que atraen visitantes, o que encaixa na nosa concepción do destino Rías Baixas: descentralizado, sustentable e ligado ao deporte e ao territorio”, enumerou o presidente da Deputación.

Despois do anuncio desta cuarta convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas por parte do presidente, as bases e dotación económica do plan terán que pasar polo pleno deste venres para ser aprobadas. A previsión para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, requisito imprescindible para a súa entrada en vigor, está prevista para o vindeiro 17 de setembro e, a partir do día seguinte, os concellos xa poderán comezar a xestionar as súas solicitudes.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.