Luis López apadriña unha nova promoción de graduados en Dirección e Xestión Pública: “A xestión é o único que converte as ideas en feitos”
O dirixente provincial vén de participar no acto de gradación desta titulación que imparte a Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra
12/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, exerceu de padriño da nova promoción de titulados en Dirección e Xestión Pública que celebraron este venres o acto de gradación na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación na que a Universidade de Vigo imparte este grao. “A xestión é o único que converte as ideas en feitos”, afirmou o mandatario provincial para poñer en valor a preparación que recibiron os titulados ao longo dos catro cursos de carreira e animalos a seguir formándose porque “hoxe non finaliza nada, hoxe comeza todo”.
Na estreita relación entre a rama da dirección e xestión pública e a administracións como a Deputación fixo fincapé o titular do goberno provincial. “No meu curso acelerado de Xestión Pública a cargo da honorabilísima Universidade da Alcaldía de Rodeiro, da Delegación da Xunta en Pontevedra e agora desde a Cátedra da Presidencia da Deputación levo cursadas diferentes materias. Algunhas moi elementais, como o servizo aos demais e a defensa do interese cidadán. Outras son troncais como a dedicación absoluta, escoita, determinación para tomar decisións difíciles, presenza, construción dun proxecto, configuración de equipos. As optativas van ao gusto, pero parten da mesma base: traballar para servir. Non hai máis. En política hai quen pensa que a xestión é unha calidade gris ou aburrida, como se en calquera empresa ou en calquera fogar non fóra un ben básico. Pois a política sen xestión pública, non serve de nada”, remarcou López.
O presidente tamén lanzou unha mensaxe de tranquilidade ante a nova etapa que se abre para os recentemente graduados. “Estas materias acompañaranvos e someteranvos a exame toda a vida. Pero estades preparados”, asegurou o presidente, quen, con todo, matizou que á preparación para exercer no sector público fáltanlle algúns ingredientes. “A diario vexo cos meus propios ollos moito do que vos explicaron os docentes e sinalaban os libros: a xestión pública esixe rigor, cumprimento exquisito da Lexislación, o coñecemento da Administración e talento para superar rixideces e ofrecer solucións válidas a problemas cambiantes e complexos. O dominio das novas tecnoloxías e da IA son só a última incorporación a unha lista que, sen embargo, sempre estará incompleta. Porque falta a proximidade, non somos unha barreira de acceso á Administración, somos a porta; porque falta a empatía, non somos alleos ás necesidades da xente, somos receptores; e porque falta o sacrificio, non vivimos de costas aos problemas, somos conscientes do esforzo e das renuncias que impón pensar antes nos demais que nun mesmo”, puntualizou López.
Despois de reiterar os parabéns aos estudantes, aos profesores e ás familias, concluíu Luis López a súa mensaxe recoñecendo que “por riba do sacrificio, da necesidade de empatía e de actualizar os coñecementos é que merece a pena. Esa é a conclusión que me gustaría que sobresaíra. Merece a pena converter os proxectos en realidades, resolver as carencias da nosa xente e poñer un gran de area alá onde nos toque por contribuír a que os nosos lugares e sociedades sexan un pouco mellores”.
