Luis López avanza co Concello de Pontevedra na ambiciosa reforma do barrio de Mollabao, no que o goberno provincial achegará un total de 1,9 M€
O mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, rubrica co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores o convenio de humanización da rúa Rosalía de Castro a través do cal a Deputación achega preto de 600.000 €
17/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este mércores co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o convenio de colaboración entre as dúas administracións para a humanización da rúa Rosalía de Castro a través da cal o organismo provincial achega preto de 600.000€ a un proxecto valorado en 2,4M€ e que, xunto coa construción dun novo viario valorado en 1,3M€ e financiado ao 100% pola administración provincial, marcarán un antes e un depois no barrio de Mollabao. “Falamos de actuacións que van mellorar a calidade urbana de Mollabao e falamos dun investimento total de 3,7M€ dos que 1,9M€ serán financiados pola Deputación”, remarcou o dirixente nun acto no que tamén estivo presente o vicepresidente Rafa Domínguez e a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Eva Villaverde.
A través desta actuación, segundo explicaron os dirixentes, actuarase desde a intersección coa rúa Manuel del Palacio e a ponte do ferrocarril co obxectivo de ampliar as beirarrúas a ambos lados do viario, reestruturar as zonas de aparcamento que pasarán á marxe dereita da rúa, implantar un carril único de circulación en sentido cara Marín, crear dúas zonas de convivencia con prioridade peonil e aplicar o mesmo tratamento na rúa Simón Bolívar, na contorna da Casa do Mar. Ademais, de xeito paralelo, executaranse os traballos de construción do novo viario, que será de dous carril e dobre sentido, para conectar a rúa Rosalía de Castro coa Avenida de Marín a través de sendas rotondas.
Unha nova mostra máis do compromiso da Deputación de Pontevedra co Concello que non se limita unicamente á colaboración da mellora urbana do barrio de Mollabao. No que vai de mandato, o organismo que preside Luis López leva asinados acordos de colaboración co goberno local por valor de 8,7M€, mentres que a pegada da Deputación na cidade a través de iniciativas propias ou de colaboración con outras administracións ascende supera os 30M€. “Quero agradecer ao alcalde polas facilidades que dá para chegar a este tipo de acordos e ao vicepresidente Rafa Domínguez porque estas obras estratéxicas, co selo propio da Deputación ou en colaboración co Concello, son grazas ao seu traballo”, recoñeceu o mandatario provincial.
“Agardo xa o vindeiro encontro”, concluíu Luis López para poñer en valor a lealdade institucional e a vontade de cooperación que caracteriza ao goberno provincial e que demostra os numerosos acordos asinados ata a data. “É síntoma de que aparcamos as discrepancias políticas para chegar a acordos e é sinal de que compartimos prioridades: mellorar a calidade de vida da veciñanza, mellorar infraestruturas e proporcionar máis e mellores servizos”, rematou o presidente da Deputación.
