Luis López asina co alcalde de Catoira, Xoán Castaño, a achega de 610.000€ para recuperar o Camiño Real e crear unha senda peonil ata Vilagarcía

O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que a Deputación, a través dos recursos do Plan Extra e o +Provincia, financia a totalidade dun proxecto que revolucionará a mobilidade e o espazo público no municipio

22/10/2026

Luis López asina co alcalde de Catoira, Xoán Castaño, a achega de 610.000€ para recuperar o Camiño Real e crear unha senda peonil ata Vilagarcía

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Catoira, Xoán Castaño, o convenio para a recuperación do Camiño Real e a creación dunha senda peonil ata o límite co municipio veciño de Vilagarcía de Arousa. Trátase dun proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Castaño selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega os 610.6000 euros necesarios para financiar por completo o orzamento da obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (500.000€) e do +Provincia (110.600€). “Trátase dun proxecto estratéxico financiado ao 100% pola Deputación de Pontevedra e de ferramentas que poñemos a disposición dos concellos que permiten desenvolver proxectos importantes onde os peóns están no centro da acción”, explicou o dirixente.

O obxecto do proxecto é transformar unha zona que actualmente presenta carencias e inconvenientes nun espazo amable e seguro para os peóns. As accións que se levarán a cabo no viario pasan pola demolición dos firmes en mal estado, a adaptación da drenaxe ás novas aliñacións proxectadas, a renovación dos servizos urbanos necesarios de drenaxe e iluminación, a execución do pavimento coa nova ordenación deseñada combinando formigón con adoquín e pavimentos terrosos naturais para o tramo do Camiño Real a instalación da sinalización vertical e horizontal, mobiliario e zonas verdes. Do mesmo xeito, o pavimento do Itinerario peonil na calzada existente será de plataforma única sen diferenciación de tráficos. Para o deseño da zona peonil, optouse por un acabado con combinación de distintos materiais en formigón coloreado e con pavimento de lastras. No itinerario peonil do Camiño Real, optouse por un acabado máis natural en pavimento terrizo, buscando manter a identidade tradicional do Camiño. No entronque coa calzada procederase principalmente a unha actuación de rehabilitación e reposición do firme. “Destinamos este segundo Plan Extra para a ultima parte do Camiño Real co que xa teriamos cuberta a etapa do Camiño do Litoral. É moi importante poñer en valor o Camiño Real, que pasa por contornas preciosas e vai ser espectacular para Catoira”, sinalou o rexedor.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Catoira, onde tamén están en marcha outros proxectos centrados na mellora dos espazos públicos, así como de infraestruturas do ámbito viario, deportivo ou cultural que redundan nunha mellora da calidade de vida da veciñanza.

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.