Luis López asina co alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, un investimento de máis de 220.000€ para a urbanización da praza da Curuxeira de Calvos
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo por valor de 260.000 euros para crear un novo espazo público de 700 metros cadrados
15/09/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, o convenio para a urbanización da praza pública da Curuxeira de Calvos. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Lage selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 220.800 euros para financiar a maior parte dunha obra valorada en 260.000 euros, dos que o Concello achega os 39.000 euros restantes. Unha nova inxección de fondos provinciais que contribúe á mellora dos espazos públicos nos concellos da provincia.
O proxecto ten como obxecto a urbanización, baixo criterios de innovación, sustentabilidade e accesibilidade; da praza pública da Curuxeira de Calvos, situada no Concello de Fornelos de Montes. A praza dispón de acceso dende a estrada EP 2802 e ten unha superficie total de 755 metros cadrados, aínda que a actuación centrarase nunha área de 704 metros cadrados e conta cun parque infantil de 164 metros cadrados. Levaranse a cabo os seguintes traballos: substitución do pavimento de terra existente por un pavimento que combina o granito, céspede artificial e caucho sintético; restauración do parque infantil; soterramento das redes de pluviais e instalación de elementos de deporte biosaludables.
A colaboración da Deputación co Concello de Fornelos non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total de 2,68M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
