Luis López asina cos alcaldes de Baiona, Nigrán e Gondomar os convenios para desenvolver nove proxectos valorados en 7,2M€ que transformarán o Val Miñor

O presidente provincial asina cos rexedores Jesús Vázquez Almuíña, Juan González e Paco Ferreira os acordos para iniciar a tramitación dos plans incluídos na Área Urbana Funcional do Val MIñor, a mellor valorada de Galicia e que conseguir 4,4M€ de fondos europeos

23/04/2026

Luis López asina cos alcaldes de Baiona, Nigrán e Gondomar os convenios para desenvolver nove proxectos valorados en 7,2M€ que transformarán o Val Miñor

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar este xoves os convenios cos alcaldes de Baiona, Nigrán e Gondomar para o desenvolvemento dos proxectos incluídos no Plan de Actuación Integrada (PAI) do Val Miñor, un proxecto liderado pola Deputación valorado en 7,2M€ e que conseguiu fondos europeos por valor de 4,4M€ para a execución de nove proxectos estratéxicos para avanzar na integración e modernización destes tres concellos do Val Miñor. “A historia deste PAI do Val Miñor, a cidade dos 15 minutos, é a historia dun triunfo colectivo. Un éxito que non teriamos acadado sen o compromiso dos alcaldes. Aquí hai que recoñecer o traballo do alcalde e deputado provincial Xesús Vázquez Almuíña que na Deputación foi quen liderou o proxecto”, afirmou o mandatario provincial despois de asinar no Pazo provincial os convenios cos rexedores de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; Nigrán, Juan González; e Gondomar, Paco Ferreira.

Baixo o lema ‘A cidade dos 15 minutos’, un proxecto impulsado pola Deputación que supón unha nova mostra do compromiso de cooperación cos concellos da provincia e o apoio fundamental para o desenvolvemento de proxectos transformadores, os convenios recollen as obrigas de cada unha das institucións para facer realidade estes nove proxectos prioritarios dentro da axenda urbana do Val Miñor e que se desenvolverán ao longo das tres vindeiras anualidades. Deste xeito, en Baiona a Deputación inxectará un total de 517.860 euros para a execución dos seguintes proxectos: senda ciclista e integración ecolóxica de Baiona á Ramallosa, rexeneración do parque da Palma e o paseo Ribeira, rexeneración do espazo público e humanización da Rúa Hortas Reais e un sistema de control dixital do tráfico no núcleo urbano e o control de accesos ao casco histórico de Baiona.

En Nigrán, a achega da Deputación ascende a 455.700 euros cos que se desenvolverán actuacións como: a senda ciclopeonil do río Muiños, Porto do Molle e Praza América; a senda ciclista da Ramallosa a Panxón e un novo equipamento cultural na Ramallosa. Mentres que en Gondomar a Deputación aporta 481.500 euros para facer realidade: a rehabilitación do mercado municipal e a recuperación da Casa Peralba e a súa contorna.

Un investimento total de 7,2M€ que se financian maioritariamente con 4,4M€ procedentes do fondos europeos do Plan EDIL, do que o PAI do Val Miñor foi beneficiario ao presentar a Área Urbana Funcional mellor valorada de toda Galicia. Con todo, tanto a Deputación como os concellos deben completar o orzamento con fondos propios. Así, á Deputación lle corresponde achega r un 20 % do total, que ascende a 1,45M€; e os concellos, o 20% restante, co seguinte reparto: Baiona, 632.000€; Nigrán, 455.700€; e Gondomar, 481.500€.

Os alcaldes destes tres concellos tamén amosaron a súa satisfacción por este novo paso adiante do proxecto conxunto do Val Miñor. “É un día histórico, por primeira vez os tres concellos do Val Miñor temos un proxecto común que sen o compromiso da Deputación e do presidente Luis López sería imposible. Quero agradecer tamén o labor dos técnicos e das asociacións dos tres concellos que traballaron de xeito conxunto para facer un proxecto global”, valorou o alcalde de Baiona e deputado provincial de Turismo, Xesús Vázquez Almuíña.

No mesmo sentido se pronunciou o rexedor de Nigrán, Juan González, quen fixo fincapé na “oportunidade para crear máis Val Miñor reforzando as infraestruturas e as accións culturais nos tres municipios”. Pola súa banda, o seu homólogo en Gondomar, Paco Ferreira, puxo o foco na implicación da Deputación. “Cando as administracións traballan en conxunto dan resultados positivos para toda a cidadanía, agradecemos ao presidente da Deputación e ao alcalde de Baiona por darnos a oportunidade de facer un convenio conxunto cunha dotación económica que sería inviable asumilo desde a administración local. É unha iniciativa pioneira coa que a Deputación aposta polo Val Miñor de xeito indiscutible”, recoñeceu.

“Detrás deste acto institucional de sinatura hai moito máis ca un simple trámite administrativo. Hai unha mostra do compromiso da Deputación para liderar proxectos supramunicipais e conseguir recursos para a súa execución; hai unha mostra da aposta da Deputación polo desenvolvemento de proxectos estratéxicos e transformadores en contornas urbanas e rurais e hai unha mostra da vocación deste goberno provincial para tender pontes, construír alianzas e promover a cooperación cos concellos da provincia para mellorar as infraestruturas, os servizos e a calidade de vida da veciñanza da provincia”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imagenes

audios

Luis López convenio PAI Val Minor

Acalde Nigrán convenio PAI Val Miñor

Acalde Baiona convenio PAI Val Miñor

Alcalde Gondomar convenio PAI Val Miñor