Luis López convida a desfrutar da etapa pontevedresa de La Vuelta entre Combarro e Mos: “Será un dos mellores escaparates para Rías Baixas e para esta provincia do deporte”
A etapa, que conta co apoio da Deputación, partirá de Combarro, en Poio, e chegará ao Castro de Herville, en Mos, nun percorrido de 168 quilómetros que permitirá amosar espazos da costa e do interior da provincia
05/09/2025
A Deputación de Pontevedra trae este martes a etapa 16 de La Vuelta ciclista a España para impulsar a promoción do destino Rías Baixas. “O deporte é unha ferramenta fundamental para a promoción da nosa provincia”, remarcou o presidente provincial quen engadiu que esta proba se ten convertido “nun dos mellores escaparates de promoción turística do mundo”.
A etapa que patrocinará a Deputación de Pontevedra terá lugar este martes, 9 de setembro, e desenvolverase entre o Concello de Poio e o de Mos. Terá lugar, tal e como subliñou Luis López, entre “dous grandes emblemas de Rías Baixas: Combarro, unha das localidades máis fermosas de España, e o Castro de Herville, referente cultural no Concello de Mos e un asentamento celta declarado Ben de Interese Cultural”.
Ademais, o presidente engadiu que o percorrido dalgúns dos mellores ciclistas do mundo será de 168 quilómetros e ascenderá a catro portos de montaña – San Antoniño, A Groba, o Alto de Prado e Castro Herville— amosando espazos da costa da provincia e tamén do interior, moi en liña coa campaña de promoción do organismo provincial deste ano, Cando volves?
La Vuelta a España é seguida cada ano por máis de 17 millóns de telespectadores e ten repercusión en 180 países. “Así que non me queda máis que convidar a todo o mundo a que desfrute desta proba que forma parte dunha das grandes competicións deportivas do mundo en un dos mellores lugares do mundo: Rías Baixas e a provincia do deporte”, destacou o presidente da Deputación.
