A Deputación achega esta fin de semana as Rías Baixas ao público de Madrid con experiencias de surf e vela a través de realidade virtual

Luis López anunciou que a campaña A túa meta, o teu destino suma un sexto galardón tras obter o terceiro premio na categoría de produto turístico do Zagreb Tourfilm Festival

16/10/2026

A Deputación achega esta fin de semana as Rías Baixas ao público de Madrid con experiencias de surf e vela a través de realidade virtual

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres na súa conferencia de prensa posterior á celebración da Xunta de Goberno de “tres importantes ocasións para seguir aumentando a proxección do destino Rías Baixas”. En primeiro lugar, o presidente lembrou que a institución provincial acaba de abrir este mediodía en Madrid un espazo temporal situado na praza do Callao onde os visitantes “poderán mergullarse nas Rías Baixas a través de experiencias de realidade virtual, unha de vela e outra de surf”.

O espazo conta con modalidades de competición nas que “as persoas que obteñan as mellores puntuacións levarán premios materiais e tamén experiencias presenciais na provincia”. O seu horario é de 12:00 a 20:00 horas e estará aberto entre este venres 16 e o domingo 18 de outubro, e busca promover as Rías Baixas como un destino de turismo activo con experiencias inmersivas e de dinamización nun dos puntos comerciais, turísticos e culturais da capital española, que congrega unhas 340.000 persoas diariamente.

O presidente provincial tamén informou de que a campaña A túa meta, o teu destino acaba de acadar o seu sexto recoñecemento internacional, tras facerse co terceiro premio na categoría de produto turístico do Zagreb Tourfilm Festival (Croacia). Con esta concesión “agora mesmo estamos na cuarta posición da carreira para acadar o título á mellor película turística do mundo”, sinalou.

Luis López lembrou os anteriores recoñecementos conseguidos polo audiovisual A túa meta, o teu destino durante o ano 2026, que polo momento acumula catro pratas nos Japan World´s Tourism Film Festival, o New York Festival TV & Film Awards, o International Tourism Film Festival Africa e o Festival de Cannes, así como o premio á mellor posprodución no Terres Travel Festival. No marco do Zagreb Tourfilm Festival, a campaña da Deputación competiu cun total de 86 candidaturas procedentes de 26 países.

O presidente da Deputación engadiu que “con esta concesión acabamos de superar os premios que obtivo a campaña Cando volves?, que xa tivera unha moi boa aceptación no circuíto de festivais internacionais de turismo”, e avanzou dúas novas citas deste circuíto “nas que agardamos obter recoñecementos” e que se celebrarán en Portugal, o 30 de outubro, e en Grecia, o 16 de novembro.

Por último, o presidente provincial tamén avanzou que “a semana que vén estaremos en Valladolid e Xixón cos nosos workshops, da man de 27 empresas da provincia, para presentarlles a 54 empresas destas cidades o noso destino e seguir fomentando oportunidades de negocio”.

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.