Luis López sinala a camelia, “a flor das Rías Baixas”, como mostra do potencial natural da provincia para dinamizar o turismo nos meses de inverno

O presidente provincial destaca a singularidade dos xardíns de camelias da provincia e a elaboración de produtos como o Té de Areeiro como as grandes fortalezas desta flor na Vilagarcía na inauguración da XIV Exposición da Camelia de Rubiáns en Vilagarcía

10/01/2026

Luis López exposición  Camelia Rubiáns

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a camelia, “a flor das Rías Baixas”, como mostra do potencial do patrimonio natural da provincia para dinamizar a actividade turística nos meses de inverno. Fíxoo este sábado en Vilagarcía durante a inauguración da XIV Exposición da Camelia de Rubiáns, onde o mandatario provincial puxo en valor o extenso patrimonio relacionado coa camelia co que conta a provincia. “A camelia é unha das flores, senón a que máis, máis fermosas da nosa provincia; chegou de Oriente pero enraizou na nosa terra polo noso clima e a riqueza do noso solo para converter xardíns como este de Rubiáns nun xardín de excelencia internacional e ademais de dar cor ás nosas vidas serve para elaborar uns tés ricos e nutritivos e tamén para elaborar tratamentos que melloren as saúdes das nosas árbores, como o que elaboramos na Finca Areeiro”, salientou o mandatario provincial.

Promovido polo Concello de Vilagarcía e a Asociación de Veciños e Cultural O Souto, a Exposición da Camelia de Rubiáns celebra este ano a súa décimo cuarta edición. Trátase dunha mostra na que participan un total de 28 expositores, entre eles a Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, xunto coa veciñanza desta localidade arousana na que ao longo dos días 10 e 11 de xaneiro os asistentes poderán contemplar a beleza de decenas de variedades desta flor e participar en obradoiros sobre o coidado da camelia. Este ano, os organizadores renderon a Fernando Vila, un veciño de Rubiáns moi afeccionado á camelia que chegou a gañar distintos galardóns que faleceu o pasado ano e para honrar a súa memoria plantarán no xardín do local do Souto unha camelia da súa variedade favorita: black magic.

“A camelia é un produto que dá a coñecer as Rías Baixas fóra das nosas fronteiras e atrae cada ano a milleiros de entusiastas de todo o mundo. Coa súa floración, atrévome a dicir que as Rías Baixas son, ademais dun lugar único, un lugar extraordinariamente fermoso”, recalcou Luis López antes de convidar a toda a veciñanza a visitar esta exposición, dar os parabéns a todos os expositores polo seu traballo e tender a man da Deputación para seguir dando a coñecer as Rías Baixas a través da camelia.

Galerias de imagenes